O Céltiga, pendente do alcance da lesión de xeonllo de Jardel

La Voz

A Illa de Arousa

MONICA IRAGO

O dianteiro centro someteráse esta semana a probas médicas. Manolo Núñez descarta o xaponés Tomi, ao sufrir este unha rotura de fibras sen marxe de recuperación antes do inicio da Liga

07 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Dunha boa ocasión para probar un novo sistema, coa posta en escena dun novidoso 3-4-3, a unha sucesión de problemas. O Céltiga venceu o domingo 0-1 (Juanín, min 75) o Unión Grove no Monte da Vila nun partido no que Manolo Núñez víuse na obriga de descartar xa o mediapunta xaponés Tomi, practicamente sen posibilidade de velo máis ao sufrir unha rotura de fibras de recuperación indefinida no minuto 7 de partido. E o que é peor, ollando como Mario Jardel júnior, o home chamado a marcar a diferenza cos seus goles na punta de ataque illense, sufría unha lesión no seu xeonllo esquerdo ao írselle a articulación nun pase cando só levaba sete minutos no campo incorporado tras o descanso.

O adestrador do Céltiga, Manolo Núñez, quere confiar en que «quede nunha escordadura do ligamento externo», algo que deberán aclarar as probas médicas que se lle fagan a Jardel esta semana.

O problema é que, a 20 días do inicio da Liga, o técnico do cadro insular só dispón de 15 futbolistas con ficha, incluído Mario Jardel, e só dous homes a proba, o inda xuvenil David, e o mediocentro portugués Mateus, procedente da Terceira lusa. Con todo, Núñez afirma que «non, non estou preocupado. Non vai haber problema por atopar os 3-4 futbolistas que quedan por fichar».

A fin de semana dos terceiras arousáns incluíu ademais o triunfo 2-3 do Ribadumia sobre o Portonovo, cos de Luis Carro remontando por dúas veces con goles de Gabi, de Miguel e de Teti.