O sector do raño non pesa o mesmo en toda a ría

Rosa Estévez / ana gerpe VILAGARCÍA, RIBEIRA / LA VOZ

A Illa de Arousa

MONICA IRAGO

A Illa encabeza a lista de portos en número de barcos e mariscadores á boia

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O sector do marisqueo á boia na ría de Arousa parece camiñar, de forma imparable, cara a unha revolución organizativa. Seis confrarías -Cambados, A Illa, Vilanova, Rianxo, Cabo e A Pobra- decidiron unir forzas, constituír unha asociación e pór sobre o tapete un plan de xestión desas zonas comúns, chamadas a soster a actividade da flota durante a metade do ano. Outras seis entidades quedaron, de momento, fóra dese acordo. Algunhas por meras cuestións de forma, outras polo fondo da formulación. Vilaxoán e Carril forman parte deste último grupo, que considera que aínda queda moito de que falar antes de poder empezar a tomar decisións.

As confrarías que preferiron manterse á marxe da asociación Rañeir\s apelan á necesidade de acadar consensos. Os que abrazaron xa esa iniciativa, con todo, consideran que chegou a hora de pasar á acción. De dar un paso adiante e tomar as rendas dunhas zonas que son cruciais para o sector e que, desde hai uns anos, están en franco declive. Recuperar a capacidade produtiva destes bancos, e facelo ademais coa posibilidade de fixar calendarios de traballo e topes de capturas, son dúas dos incentivos que levaron a estas seis confrarías a recoller a luva lanzada por Mar.

Talvez, á hora de fixar posturas, teña algo que ver o peso do raño en cada un dos depósitos. A Illa, por exemplo, é o porto arousán no que este sector ten un maior peso específico. Segundo os datos facilitados pola Consellería do Mar, son 354 os barcos con pérmex de marisqueo á boia. Sería necesario sumar as embarcacións de Rianxo e Ribeira, segundo os mesmos datos, para obter o peso específico dos insulars.

En total, na ría son 1.295 os barcos con pérmex de marisqueo á boia. Fagamos unha conta sinxela. Se se establece unha media de dous tripulantes por embarcación, que adoita ser o máis habitual, comprobaremos que a cifra de produtores afectados polo futuro do libre marisqueo elévase a 2.500. É certo que, debido ao estrepitoso descenso das capturas nos últimos anos, foron moitas as embarcacións que non acudiron a faenar durante as últimas campañas. Con todo, un aumento da produtividade implicaría o retorno de moitos dos que abandonaron.

Os primeiros pasos

O futuro desas máis de mil embarcacións está no aire, pendente de que todas as confrarías acaden un acordo. Ou de que, na súa falta, as seis que lograron sentar as bases dunha nova asociación, logren levar a bo porto o barco no que acaban de enrolarse. De momento, este colectivo nace con obxectivos modestos. «Isto non é un proxecto que se poida sacar dun momento para outro», explicaba onte o patrón da Illa.