O Céltiga foi o gran beneficiado dunha xornada de empates na zona alta da táboa
VILAGARCÍA / LA VOZ
AROUSA
Tralo triunfo por 2-4 ante o Gran Peña, o conxunto arousán colócase quinto na clasificación
11 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.Resulta difícil ver tanta coincidencia como a vivida a pasada fin de semana na décima xornada de Liga do grupo galego da Tercera RFEF. Os cinco equipos que chegaban a ela nos postos nobres da clasificación, o de ascenso directo e os catro con dereito a xogar a promoción á Segunda RFEF, acabaron empatando cadanseu duelo, a maioría en enfrontamentos directos: Atlético Arteixo 0-0 UD Somozas, Racing Vilalbés 2-2 SD Compostela, CF Noia 1-1 CD Estradense, e Arousa 1-1 Atlético Coruña Montañeros.
O gran beneficiario de todos estes marcadores foi o Céltiga. Co seu 2-4 ao Gran Peña, o conxunto que dirixe o vilanovés Luis Carro escala á quinta praza da clasificación, pechando os postos de fase de ascenso con 16 puntos de 30 posibles.