A Consellería de Educación asumirá a reparación do colexio da Lomba tras unha chamada telefónica

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O alcalde de Vilagarcía desatasca o problema cunha conversación co conselleiro

06 nov 2025 . Actualizado á 20:21 h.

A Consellería de Educación farase cargo da reparación do colexio da Lomba. Desvelouno a última hora da mañá deste xoves o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela (PSdeG-PSOE). Unha conversación telefónica 24 horas antes co titular do departamento autonómico, Román Rodríguez (PP), resultaría suficiente para desbloquear un problema que leva días xerando unha enorme alarma entre a comunidade do céntrico centro educativo arousán tras desprenderse o pasado venres cascotes e placas da súa fachada.

Tras cinco días de cruzamentos de responsabilidades, Alberto Varela falou o mércores con Román Rodríguez: «Teño unha relación institucional de respecto co conselleiro de Educación, e foi a través dunha chamada como conseguimos desbloquear esta situación, cun compromiso por parte da Xunta de Galicia de asumir as obras de reparación do colexio da Lomba».

O rexedor vilagarcián defendeu a política de cooperación do Concello coa Xunta en materia de educación, pero tamén a lóxica da repartición de competencias e das responsabilidades aparelladas. «Hai probas de que Vilagarcía sempre está disposta a colaborar nesta materia, como no comedor do Piñeiriño ou no ximnasio de Rubiáns, cousas que non nos tocaban; pero neste caso entendiamos que se trataba de cuestións estruturais que exceden moitísimo do mantemento», declarou Varela, lembrando cal é o alcance das intervencións que os municipios galegos asumiron en materia de infraestruturas educativas aínda sendo a competencia de Educación da Administración autonómica.

Pide delimitar as competencias

Neste punto, o alcalde da capital arousá aproveitou a urxencia das obras de reparación no colexio da Lomba para reiterar unha reclamación histórica do groso dos responsables dos 313 concellos de Galicia: «Espero que algún día, e non estou falando xa como alcalde, senón como presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), resolvamos por todas esa ambigüidade que hai sempre entre a Consellería de Educación e os concellos de quen ten que facer as obras nos colexios. Iso resolvíase de forma tan fácil como ligar un espazo a unha única Administración encargada da súa xestión».

En espera de que algún día poida acadarse a clarificación de competencias e deixar no pasado a pesada laxa dos gastos impropios dos concellos, Varela subliña: «Neste caso —o dos desprendementos do centro escolar vilagarcián—, todos entendemos que debería ser a Consellería de Educación» a que se encargue de emendalos, por tratarse de deficiencias estruturais.

O preocupante estado do colexio da Lomba é continuación das deficiencias denunciadas practicamente desde a mesma finalización da reforma estrutural acometida na época do bipartito PSOE-BNG na Xunta (2005-2009). De feito, o Concello lembraba esta semana que no 2013 xa houbera filtracións e desprendementos e como entón foran reparados pola Xunta, que esta vez estivo varios días defendendo que era o Concello o que agora tería que resolver a nova urxencia.

A solución selada o mércores vía telefónica co conselleiro de Educación deu pé a Alberto Varela a levar o asunto á area da política local. «Hoxe escoitaba o Partido Popular de Vilagarcía, que sempre chega a destempo, nunca pensando en defender os intereses de Vilagarcía, senón tratando de salvar o que entende que é a súa función, a Xunta de Galicia. O PP local entrou no tema cando a solución xa estaba acordada entre a Xunta de Galicia e o Concello», resalta o rexedor, que di non entender os representantes locais do partido da gaivota: «Non sei se é por descoñecemento, non sei se é unha postura ventaxista saír a pedir o acordo entre Administracións cando xa estaba acordado. A realidade é que se resolveu cunha chamada, como debe ser. Todos representamos institucións, e inda que teñamos neste caso diferentes cores políticas, ao final, dialogando podemos chegar a acordos».