A Illa sairá este sábado á rúa contra a nave de Ou Aguiuncho e estuda levar o caso ao xulgado

Bea Costa
bea costa A Illa / LA VOZ

AROUSA

Mónica irago

Os convocantes apelan á necesidade de deixar espazo libre para darlle servizo a bateeiros e mariñeiros e a que esta obra é unha «aberración» ambiental. O empresario, pola súa banda, acusa o alcalde de mentir

26 novs 2021 . Actualizado ás 20:49 h.

A nave que se vai construír na chaira do Aguiuncho é legal e as obras xa comezaron, pero na Illa non se dan por vencidos. O Concello, a confraría, as catro organizacións de bateeiros e as asociacións Dorna e Arousa en Transición compareceron este venres ante os medios de comunicación para dar unha mostra de unidade e de determinación á hora de alzarse contra unha actuación que, din, hipoteca o futuro do sector produtivo da Illa e supón unha «aberración» ambiental e paisaxística.

A rolda de prensa foi unha demostración de forza e máis o será a concentración que convocaron para este sábado (17.30 horas) no Aguiuncho, á que invitan a acudir aos veciños da Illa e doutros municipios. De momento, a batalla librarana na rúa e nos despachos —están á espera de reunirse coa presidenta de Portos de Galicia—, e non descartan levala tamén aos xulgados. O alcalde, Carlos Iglesias , informou de que se está estudando a posibilidade de presentar un contencioso administrativo contra Portos por ter autorizado a ampliación da concesión sobre a que se asentará a futura nave. Iglesias recoñece que ao Concello pasóuselle por alto —«non nos enteramos», sinalou a preguntas da prensa— a exposición pública, momento no que cabería a posibilidade de frear este expediente. Así pois, o trámite seguiu o seu curso e cando a empresa promotora —Outros Adaxes S.L. propietaria do varadero situado no Xufre— solicitou a licenza de obra, no Concello non tiveron máis remedio que concederlla porque, en caso contrario, incorrerían nunha prevaricación.

Co permiso na man, o empresario engraxou a maquinaria para construír unha nave para o invernaje de embarcacións que ocupará 1.200 metros cadrados e terá unha altura máxima no cume de 12 metros. Esta infraestrutura non deixará espazo para nada máis no porto, afirman desde o Concello, de modo que os mariñeiros quedan se a posibilidade de dispor desas casetas-almacén que levan reclamando a Portos desde hai anos e de implantar servizos para a flota como podería ser unha electrolinera.

O sector produtivo non é o único que se queixa. Desde a asociación cultural Dorna argüen que mentres Portos autoriza iniciativas privadas, na Illa seguen agardando pola ansiada mariña para atracar os seus barcos tradicionais e están fartos de pagar tarifas a Portos sen contraprestacións. «Pagamos como un porto de primeira cando noutros portos teñen más servizos ca nós. É unha burla. Legalmente si poden, pero socialmente é inadmisible», sinalou o presidente de Dorna, Salvador Allo, recollendo o sentir do resto da mesa.

O empresario insiste en que a obra é legal e carga contra o PSOE

A convocatoria de protestas ás portas da súa empresa colmou a paciencia de Alejandro Diéguez, quen di que non pode permanecer máis tempo calado ante o que cualifica de mentiras e de manipulación da opinión pública. «O alcalde mente, ou é un incompetente, ou talvez as dúas cousas», indica. Afirma que o Concello recibiu ata tres comunicacións de Portos en relación ao expediente e que, polo tanto, non pode agora rasgarse as vestiduras; a primeira do 25 de novembro do 2020, pola que se lle facía unha consulta sobre as condicións urbanística da parcela do Aguiuncho, e a última do 3 de agosto de 2021, reiterando a petición dun informe da arquitecta municipal. «O procedemento foi exhaustivo e cumpriu todos os requisitos», insiste Diéguez. Séntese decepcionado coa actitude do alcalde e a instrumentalización política que, ao seu xuízo, está facendo o PSOE, que acaba de presentar unha iniciativa parlamentaria preguntando, entre outras cuestións, polas axudas públicas que recibiu este proxecto. Diéguez non ten inconveniente en explicalo; a súa empresa obtivo unha dotación económica con cargo á o GALP de Arousa a proposta dun comité no que están presentes o alcalde, o patrón maior e un representante dos bateeiros, sostén. «O alcalde non pode negar que apoiou esta axuda». E sobre a natureza privada do proxecto, Diéguez quere deixar claro que a nave está concibida para todo tipo de embarcacións, non só de recreo.