Valga xa ten o seu pantalán para recibir cruceiros que asuquen o Ulla

La Voz

AROUSA

CEDIDA

A presidenta de Portos de Galicia visitou unha estrutura na que se investiron 332.000 euros

26 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Valga xa ten a primeira peza dun ambicioso plan turístico esbozado polo alcalde hai xa uns anos. Trátase dun embarcadoiro no Ulla, situado xusto no lugar no que se achaba o vello punto de entrada e saída de subministracións para a empresa Novo e Sierra . Sobre os restos daquela construción, e co investimento de 332.000 euros realizada por Portos de Galicia, a empresa Marcor Xove S.L. construíu unha nova estrutura que onte foi visitada pola presidenta do ente autonómico, Susana Linguas, e o alcalde da localidade, José María Bello Maneiro, ademais de por as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna. Segundo detalla o Concello, «as obras consistiron na instalación dunha nova estrutura portuaria para recuperar a actividade náutica nesta zona, permitindo o atraque aos catamaráns e embarcacións turísticas que operan na Ría de Arousa e no río Ulla para tentar atraer un fluxo de visitantes que cheguen ao municipio por vía fluvial. Non en balde, por esta zona discorre a ruta marítimo-fluvial considerada coma a orixe de todos os Camiños de Santiago».

A instalación do pantalán e a mellora da zona son o punto de partida dun proxecto turístico moito máis amplo, que incluiría a recuperación da vella liña de vagonetas aérea de Novo e Sierra e a rehabilitación da mina Porto Piñeiro. O patrimonio industrial da localidade recuperaría, así, o brillo perdido.