Catoira acollerá o vindeiro mércores unha xornada sobre os viquingos e o viño de Galicia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O evento terá lugar na sala Celso Emilio Ferreiro

06 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O vindeiro mércores, Catoira volverá ser punto de encontro internacional. Na localidade das Torres de Oeste celebrarase unha xornada temática baixo o título «Os viquingos e o viño en Galicia». O evento terá lugar na sala Celso Emilio Ferreiro, no consistorio catoirés e no programa incluirase a presentación do libro Os viquingos en Galicia, do arqueólogo e investigador Eduardo Morales . Este evento é un aperitivo do que está por vir, e é que Catoira quere pór en marcha un ambicioso proxecto que ten dúas caras. Unha será a elaboración dun estudo para trazar unha ruta viquinga entre Catoira e Santiago. A outra, un seminario sobre os vínculos entre os itinerarios culturais que conforman as rutas viquingas e os camiños de Santiago, que se celebrará durante a primeira semana de agosto do ano que vén, coincidindo coa Romaría Viquinga e a Festado Albariño . «Un dos obxectivos deste proxecto, que conta co respaldo da Xunta, é aproveitar as relacións entre estas rutas para promover a internacionalización das dúas celebracións», explica o Concello de Catoira a través dun comunicado de prensa.

Tres horas e media

Pero todo iso será o ano que vén. Centrémonos, de momento, no programa que se despregará este mércores. Arrincará ás dez e media da mañá, co acto de benvida que protagonizará o alcalde Alberto García. Ás 10.45, Eduardo Morales , ex traballador da embaixada de España en Dinamarca e arqueólogo, presentará a súa obra Os viquingos en Galicia. Ás once e media da mañá, Ole Madsen, director do museo arqueolóxico da Universidade de Stavanger (Noruega ) presentará o proxecto Destination Viking Association. E para rematar, ao mediodía, Jorge Vila realizará unha presentación sobre o viño albariño. Vila é catador e director da Galicia Wine Academy. As súas palabras irán seguidas dunha degustación de viños albariños.

Á unha da tarde rematará este encontro sobre a cultura viquinga e os viños galegos cun acto no que intervirá o delegado da Xunta na provincia de Pontevedra, Luis López.