O Festival de Sitges desembarca no Curtas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O encontro con fans do director do certame referente do xénero fantástico en España protagoniza a terceira xornada da cita vilagarciá

24 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

En cuestión de pouco máis de 24 horas, pola sala de conferencias do Auditorio de Vilagarcía de Arousa terán pasado dous dos grandes referentes da industria cultural do xénero fantástico español. Na tarde de onte, os afeccionados ao mesmo puideron escoitar cara a cara e interpelar á valenciana Elia Barceló, unha das tres grandes autoras de referencia da ciencia-ficción e o terror en lingua castelá do mundo, con obras traducidas a unha ducia e media de idiomas e prestixiosos premios no seu currículo. O último antes do que recollía o venres no Salón García da man do Curtas Festival do Imaxinario, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Hoxe, máis aló dos pases das seccións do certame vilagarcián no Salón García, o prato forte do programa é a presenza na capital arousá de Anxo Salga.

O director do Festival Internacional de Sitges falará, a partir das 19.30 horas na sala de conferencias do Auditorio, das reviravoltas da cita de referencia do xénero fantástico en España, con 54 edicións celebradas. Farao desde a experiencia de ser o home que leva a cargo de a súa organización os 20 últimos anos.

Tamén no Auditorio, antes, desde as 18 horas entregaranse os premios do concurso de relatos e ilustracións do Curtas, este ano baixo o título GLZ-2121, con repartición de exemplares gratis do tomo que cos traballos dos finalistas editou o certame. Media hora máis tarde o vilagarcián Kohell ofrecerá unha visita guiada á exposición que sobre o seu traballo se pode ver no recinto cultural.

Os nenos, de parabén

En canto ás proxeccións, hoxe os máis pequenos poderán empezar a gozar da retrospectiva preparada polo Curtas ao redor dos grandes títulos do invitado estrela da presente edición, Joe Dante, creador da saga Gremlins. Así, desde as 12 no Salón García, proxectarase, en castelán, a película Exploradores. Xa pola tarde será a quenda das seccións oficiais, cos pases de Bloody Hell (16 horas), Annular Eclipse (17.45), de varios dos curtos da sección Fantástico (19.30) e, para rematar, de The Devil's Talle (21.30). 

Enorme interese polos talleres

Onte arrincaron os talleres creativos cos que o Curtas pensa, principalmente, nos máis pequenos da casa. E tanto o de banda deseñada de onte e o do próximo sábado como o de robótica desta tarde colgaron o cartel de completo. Si hai prazas aínda para os de (día «Caracterización Arrepiante» 30) e «Cabazas de Samaín» (día 31).