Os voluntarios de Afundación retiran da Lanzada 412 quilos de lixo, entre cabichas e botellas

La Voz O Grove / LA VOZ

AROUSA

Mónica Irago

O programa Plancto da obra social de Abanca actuou xa na limpeza dunha decena de espazos

17 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O programa Plancto, activado por Afundación, a obra social de Abanca , levou onte a cabo a súa décima acción de limpeza. Os voluntarios peitearon o emblemático areal da Lanzada, do que retiraron 412 quilogramos de residuos. Aínda que había de todo, desde garrafas a tanzas, cabos, redes enmarañas, boias e flotadores, destacan neste particular botín ecolóxico 1.045 botellas e fragmentos de vidro e 1.241 cabichas, ademais de 39 quilos de plástico, dez de metal, dous de papel e vinte de obxectos diversos.

Afundación e Abanca impulsan esta serie de intervencións de voluntariado ambiental en colaboración con Hábitat, SEO Birdlife e a fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O seu obxectivo é fomentar a sustentabilidade das actividades socioeconómicas nas áreas de influencia das zonas de especial protección de aves mariñas de Galicia e outras da rede Natura 2000. Ademais de accións en superficie, como esta e as desenvolvidas na Illa, Baldaio, Ons, Cortegada e Cambados, Plancto actuou nos fondos de Areoso e fondos marisqueiros de Cambados, onde retirou tonelada e media de residuos.