Investigación e empatía como instrumentos para combater o cancro de mama metastásico

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Maribel, sobriña da deportista Araceli Oubiña, foi a encargada de ler o manifesto de Cambados sobre a enfermidade

14 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

En cuestión de días cumprirase un ano do falecemento de Araceli Oubiña, a deportista que se converteu na principal voz do Salnés na pelexa contra o cancro de mama metastásico. Da súa man, Cambados adquiriu unha especial sensibilidade cara a esta dura enfermidade, cuxo día internacional se conmemoraba onte. Como sucedeu o ano pasado, foi a súa sobriña Maribel Oubiña quen leu un manifesto público de profundo contido.

«O cancro de mama metastásico é aínda hoxe a principal causa de morte de mulleres entre os 25 e os 50 anos», subliñou Oubiña, acompañada, entre outros, pola alcaldesa, Fátima Abal, e o responsable municipal de Facenda, Xurxo Charlín.

A asociación que reúne ás enfermas -e enfermos, porque o mal tamén afecta os homes- e ás súas familias reivindica o acceso a tratamentos e probas, que se axilice a súa incorporación aos protocolos dos hospitais e estúdense os tumores para facer avanzar a investigación. Son peticións claras, xunto a un chamamento xeral ao compromiso, a empatía e a esperanza fronte ao medo e ao esquecemento.