Cen millóns e máis de seiscentas obras que «transformaron» Arousa

Rosa Estévez
rosa estÉvez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Carmela Silva fixo balance dos seus seis anos no goberno provincial

14 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Transparente, obxectiva e transformadora. Esas son as tres palabras, di a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (PSOE), que deben caracterizar as políticas de calquera bo goberno. E o seu, asegura, cumpre eses tres preceptos. Así o explicou este mércores, nun almorzo cos medios de comunicación convocado en Vilagarcía para dar conta da xestión do organismo provincial nos concellos da beira sur da ría, e que se resume nunha cifra: os case cen millóns de euros que a Deputación destinou nos últimos seis anos ao territorio do Salnés e Baixo Ulla.

Dar conta do destino dese diñeiro ante a prensa, di Carmela Silva, é un exemplo da transparencia coa que actúa o seu executivo. Serán os propios números, sinalou a presidenta, os que demostren que o goberno se rexe por criterios obxectivos á hora de repartir o gasto, sen mirar a cor política das alcaldías. Nese sentido, declarou Silva sentirse «moi indignada coa Xunta e coa súa inversión na provincia», xa que nese caso, afirmou, «non hai convenio que anuncie Rueda [vicepresidente da Xunta] que non sexa para concellos gobernados polo PP. E na provincia, nos concellos gobernados polo PP viven menos de 300.000 persoas, e nos que goberna o PSOE, o BNG ou os independentes, máis de 600.000».

Chega a hora de entrar nos números. E segundo os ofrecidos por Carmela Silva, a Arousa sur destinou a Deputación nos últimos seis anos 96.585. 198 euros. Atendendo ás cifras totais, Sanxenxo encabeza a táboa, con 14,8 millóns e péchaa Pontecesures con 3,5. Claro que se miramos o investimento por habitante, as cifras varían. Encabezaría a lista Catoira, con 2.000 euros por cabeza, e pecharíaa Vilagarcía, con preto de 325.

Se saber canto investiu unha Administración pública é importante, non o é menos saber en que o fixo. No caso da Deputación, a súa presidenta, Carmela Silva, presume de que a metade do diñeiro enviado ao Salnés -50 millóns en seis anos- enmárcase no Plan Concellos, un programa que permite que sexan os propios concellos os que decidan en que investir esas cantidades. En total, desenvolvéronse con ese diñeiro medio milleiro de obras importantes e «transformadoras». Desde a escola infantil de Vilaxoán e a transformación da praza de Galicia, ata o desdobramento de Beiramar no Grove, a instalación de céspede artificial en Vilanova, a humanización de varias rúas en Cambados e unha enorme constelación de actuacións de mellora da seguridade viaria, saneamentos, humanizacións, arranxos...

Este ano, o Plan Concellos deixou 8,5 millóns en Arousa, un 13 % máis que no exercicio anterior. Para o que vén, a Deputación decidiu facer o plan plurianual, engadindo aos 73 millóns totais do 2022, 30 millóns máis do 2023, a fin de que os Concellos poidan, por unha banda, «presentar proxectos máis grandes» e, pola outra, dispor de fondos para facer as achegas que sexan necesarias ante a posible recepción de fondos dos Next Generation.

Segundo Silva, os proxectos do Plan Concellos tiveron carácter transformador. E ese mesmo espírito alentou a execución das doce grandes obras alimentadas na comarca polos plans extraordinarios. O DepoRemse e o Plan de Reequilibrio deixaron 6,8 millóns no Salnés e Baixo Ulla, e con eles acometéronse seis ambiciosos plans de mellora da seguridade viaria -na contorna do Rosalía de Castro, no Grove; no do Julia Becerra, en Ribadumia ; no centro urbano de Portonovo; na contorna do centro de saúde da Illa; en Abalo, Catoira e Dimo; no camiño de Santiago ao seu paso por Cesures e na contorna de Fexdega , en Vilagarcía-. O plan de reequilibrio toma forma en cinco proxectos estrela: o auditorio do Grove, a rehabilitación das vivendas modernistas da Illa, a reforma da praza de España en Meis , a recuperación da fachada do río en Cesures e o equipamento do museo Torres de Oeste en Catoira.

Postos a facer números, o último capítulo destacado polo volume das cifras é o de infraestruturas. Nese sentido, executáronse 51 proxectos nas estradas de titularidade provincial, o que supuxo un investimento de algo máis de 16 millóns de euros. A reforma de Luis Rocafort destaca entre as obras xa executadas. A mellora da mobilidade na Illa, entre as que están por vir. Ademais, con fondos provinciais instaláronse 206 badenes, 112 pasos sobreelevados, aprobáronse os plans de mobilidade de sete concellos e financiáronse tres camiños escolares seguros.

Despexar a incógnita sobre o GES do Grove

Os Bombeiros do Salnés e a colaboración no financiamento dos GES son outras das liñas que conducen cara á comarca os fondos da Deputación. Respecto diso dos grupos de urxencias, Silva mostrou a súa pesar porque a Xunta aínda non teña dado luz verde á entrada do do Grove na rede formal deste tipo de servizos. Aínda que mostrou a súa esperanza en que esa situación se corrixa pronto, O Grove de momento terá que seguir renovando anualmente o seu convenio.

O covid e os concellos traballando «a pulmón»

Igualdade, deportes, novas tecnoloxías, turismo, emprego... Son moitas as áreas que, máis aló dos grandes plans, captan desde O Salnés investimentos da Deputación. Pero nestes últimos anos, sinalaba onte a presidenta Carmela Silva, un capítulo fundamental foi o xerado polo covid-19. «A Xunta de Galicia recibiu centos de millóns de euros e non derivou ningún aos concellos», que tiveron que facer fronte á pandemia «a pulmón; fixeron un esforzo extraordinario», sinala Silva. A Deputación, dixo, aprobou recursos extraordinarios: máis de 200.000 euros para cohesión social e preto de medio millón para servizos sociais, custos de desinfección, etcétera.