Media ducia de concellos arousáns, sen novos casos de covid en sete días

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

As cifras de incidencia mantéñense moi contidas en toda a comarca

17 sep 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha semana hase cumprido xa da volta dos rapaces ás aulas e parece que, polo menos de momento, o regreso ás aulas non tivo afortunadamente incidencia nos casos de covid nas comarcas do Salnés e o Baixo Ulla. As cifras mantéñense contidas en todos os concellos e, de feito, en seis dos municipios arousáns non se rexistraron novos casos nos sete últimos días. Trátase de Valga , Catoira, Vilanova, Ribadumia, Meaño e A Illa. Un refacho que no caso de Catoira esténdese e acada xa as dúas semanas sen máis positivos.

Os demais concellos arousáns non acadaron aínda esa gran status de concello libre de covid durante unha semana, pero si que teñen todos eles unhas cifras que reflicten unha certa tranquilidade. O único no que os datos non eran onte moi bos era Pontecesures, cunha incidencia a sete días de entre 75 e 125 casos por cen mil habitantes, pero, como noutras ocasións, o dato vén forzado pola escasa poboación do municipio, que fai que o dato baile de xeito extraordinario. En calquera caso, foron menos de dez novos positivos nos sete últimos días. A catorce días, tanto Cesures como Valga están entre 50 e 150, pero no caso valgués convén subliñar que non rexistraron novos casos nos sete últimos días, co que a tendencia á baixa é evidente.

PROPIA

Polo que respecta ás poboacións de maior tamaño da comarca, en todas elas os datos son moi bos. Ao feito xa comentado de que non houberon novos casos en Vilanova nos sete últimos días, únese a circunstancia de que en Vilagarcía a incidencia da última semana é moi baixa, posto que está en menos de dez casos por cen mil habitantes. Son 20 os casos activos que se rexistraban onte na capital da comarca, practicamente a metade que sete días antes.

Situación parecida vívese no Grove, cunha incidencia a sete días de entre 10 e 25 casos por cen mil habitantes e dez positivos activos. En Cambados , o dato a sete días é lixeiramente maior (entre 25 e 75) e nove contaxiados a día de onte.

Polo que respecta aos casos activos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés baixaron dos douscentos por primeira vez en moitos meses. O informe do Sergas sinala que tras as altas de onte e a pesar de rexistrarse sete novos contagios, o número total de pacientes con esta doenza ascende a 187.

Pola súa banda, no cómputo de persoas infectadas por coronavirus permanecen evolucionando nos seus domicilios 180 enfermos. A hospitalización está en catro persoas en planta en Montecelo e tres máis na unidade de coidados críticos (uci) do mesmo centro sanitario, que son idénticas cifras ás contabilizadas onte xoves. No Hospital do Salnés non hai enfermos de covid.

Doutra banda, onte estaban citados na área sanitaria de Pontevedra un total de 120 persoas para ser inmunizadas fronte ao covid cunha terceira dose. Trátase de cidadáns trasplantados ou inmunodeprimidos. En concreto estaban citados no complexo hospitalario de Montecelo en horario de mañá 70 persoas. Mentres que outras 50 persoas deberon acudir ao Hospital do Salnés.