O Concello de Vilagarcía contratará a quince perceptores da Risga

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Ademais de reforzar o persoal de determinados servizos de interese para a comunidade, este programa logra favorecer a integración sociolaboral de persoas desempregadas en risco de exclusión

04 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía achegou 56.323 euros para a contratación a tempo completo (en lugar da xornada a tempo parcial que permite a subvención obtida da Xunta de Galicia) de quince persoas preceptoras da Renda de Integración Social.

As actividades a realizar polos beneficiarios da axuda estarán divididas en tres categorías. Por unha banda, catro peóns estarán destinados ao desenvolvemento de obras públicas. Sete traballarán na conservación de parques urbanos e xardíns históricos ou botánicos. Os catro restantes dedicaranse a labores de reacondicionamiento, reparación e conservación de infraestruturas, edificios e mobiliario urbano municipal.

O custo total do proxecto, elaborado pola área de Emprego do Concello de Vilagarcía, ascende a 212.353 euros, dos cales, preto do 75% financiaranse coa subvención recibida da Xunta de Galicia. Estes traballos teñen como obxectivo específico a recuperación de zonas verdes e espazos medio ambientais, así como o mantemento e coidado de edificios e instalacións municipais.

Ademais de reforzar o persoal de determinados servizos de interese para a comunidade, este programa logra favorecer a integración sociolaboral de persoas desempregadas en risco de exclusión. Por iso, os candidatos que formen parte dun proxecto de reinserción laboral, os maiores de 45 anos e aqueles que sufran cargas familiares terán preferencia fronte ao resto de persoas que presenten a súa solicitude de ingreso.

Inicio da actividade

Os quince traballadores deberán estar contratados e comezar a traballar antes do 31 de agosto. Para participar no programa resulta necesario ser perceptor da Risga e estar inscrito no servizo público como demandante de emprego non ocupado.