O Sergas habilita varios puntos para xestionar certificados de vacinación

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O de Vilagarcía arrincará hoxe; en Cambados, O Grove e Vilanova, o luns

31 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

É unha das circunstancias que acompañan o día a día dos hostaleiros do Salnés: a de explicar á súa clientela, sobre todo a de idade avanzada, que para entrar nos establecementos a consumir deben ter a man o certificado de vacinación . Non lles é doado conseguilo, porque tampouco llo puxeron doado. A maioría xa foran vacinados cando esta norma entrou en vigor, e optar ao documento supón mergullarse en colas, reais e virtuais.

Para intentar axilizar a repartición de documentación, e tamén outra serie de xestións que teñen que ver co covid, o Sergas habilitará a partir de hoxe puntos nos que solucionar todo ese tipo de problemas administrativos que o covid trouxo consigo. Na comarca haberá varios, pero o que primeiro comezará a funcionar será o de Vilagarcía, que arrincará hoxe. En Cambados , O Grove e Vilanova comezarán a funcionar a partir do luns. Neses lugares poderán facerse «a impresión do certificado de proba diagnóstica negativa, vacinación ou enfermidade pasada; activación de Chave 365 ou tramitación dun alta rápida no sistema para persoas con residencia fóra de Galicia», explican desde o Sergas.

Polo que respecta á incidencia do covid en Arousa, mantense a tendencia á baixa que se veu observando durante toda a semana. Nalgúns dos concellos dun xeito máis acusado que noutros e coa única excepción da Illa, onde comezou a crecer, aínda de xeito morno, pero dun xeito perigoso porque alí xa é moi elevado o número de casos tendo en conta a súa poboación. Tamén as localidades do Baixo Ulla experimentaron unha lixeira subida, aínda leve e sen que ningunha das tres teña acadado as cifras que levan ao risco extremo.

As boas noticias coa baixada, lenta pero parece que xa decidida que experimentan localidades como Cambados -onde a incidencia a sete días está xa por baixo dos 500 casos por cen mil habitantes-, O Grove, onde aínda é mínima, pero onde a cifra polo menos deixou de subir ou Vilagarcía, que está en 259 a sete días e segue camiñando con paso firme cara ao abandono do nivel alto de restricións. Vilanova tamén vai presentando cada vez mellores datos, mentres que Meaño, que é outra das localidades que está en nivel máximo, segue cun dato a catorce días desproporcionado (1.271), pero tamén á baixa.