Martín Códax amplía cos chefs de cinco restaurantes o ciclo das Tardes do Atlántico

r. Ares s. g. CAMBADOS / LA VOZ / VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

As xornadas de enogastronomía celebraranse, tamén, os martes pola tarde durante o mes de agosto

09 ago 2021 . Actualizado ás 22:18 h.

Ao fío do éxito do programa As Tardes do Atlántico, a cooperativa vitivinícola Martín Códax acaba de anunciar novas datas para gozar desta experiencia enoturística que ofrece dentro da súa programación estival que, orixinalmente, estaba ideada para os mércores de xullo e agosto.

As entrada, unha vez saíron á venda, esgotáronse en cuestión de horas. Así que, ante a gran acollida e resposta do público, o ciclo amplíase con cinco novas sesións, reunindo a un total de trece cociñeiros nunha edición que aposta polas promesas da cociña galega. Martín Códax segue apostando pola oferta enoturística da comarca do Salnés con estes singulares eventos enogastronómicos que se celebrarán, a partir de agora, tamén os martes de agosto, ás oito da tarde, na magnífica terraza da adega.

Ademais dos eventos xa confirmados e esgotados, o calendario de agosto acolle o día 3 a Adrián Pérez, do restaurante Sinxelo; o 10 a Kike Piñeiro e a Eloy Cancela, do restaurante Horta d'Obradoiro; o 17 a Adrián Albino, do restaurante Neno Curvo; o 24 a Carlos Insua e a Jordi López, do restaurante Benedita Elisa, mentres que o 31 será a quenda de Iván Domínguez, do restaurante Nado.

Desta forma, esta desenfadada iniciativa culinaria, que conta cos rías baixas da adega como protagonistas, serve unha maridaxe perfecta de viño e gastronomía, defendendo a marcada contorna atlántica da adega. As entradas xa están á venda na web de Martín Códax a un prezo de 25 euros por persoa e contarán cunha capacidade limitada.