A curva do covid parece que xa dá un respiro na comarca do Salnés

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido REDACCIÓN / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A incidencia a sete días empezou a baixar en practicamente todos os concellos

28 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

É pronto para ser optimista, sobre todo porque o bum desta quinta onda foi tan explosivo que se escoitou por todas as partes, pero parece que o covid comeza a dar un respiro na comarca do Salnés. Non no número de casos activos, que segue sendo altísimo, pero si na aparición de novos positivos. Onte, por fin, a incidencia a sete días na inmensa maioría aos concellos da comarca baixou. A excepción a marca Sanxenxo, que ten un serio problema de saúde pública que haberá que ver como se atalla en pleno agosto. O comité clínico ten a palabra, pero a súa incidencia a catorce días está xa en 2.227 casos por cen mil habitantes.

Á marxe do caso sanxenxino, no Salnés hai agora mesmo tres focos de preocupación. Por unha banda, O Grove, onde a incidencia a sete días está en 1.173, con 125 positivos diagnosticados na última semana. Alí realizouse o pasado luns un cribado voluntario. Acudiron 687 persoas, o 85% das que foran citados, e no el detectáronse oito positivos.

Cambados é outro dos concellos que ten unha taxa de casos exacerbada. O dato a catorce días escalou ata os 1.331 casos por cen mil habitantes, pero é verdade que a curva a sete días parece facer dobregado o seu pico. Isto non quere dicir que non xurdan casos novos, só que a velocidade de aparición comezou a retardarse.

O cuarto concello do Salnés que está en números vermellos no que respecta ao covid é Meaño. Do mesmo xeito que Sanxenxo, Cambados e O Grove, no nivel máximo de restricións, cunha incidencia desbocada posto que se diagnosticaron 77 novos casos nas dúas últimas semanas nunha localidade de apenas cinco mil habitantes. As boas noticias son que, tamén aquí, a incidencia a sete días parece que comezou a encarar a parte descendente da curva.

Polo que respecta a Vilagarcía, e do mesmo xeito que sucede coas localidades veciñas, segue cunha incidencia alta, moi alta, pero cun crecemento contido. A incidencia a sete días está en 312 casos por cen mil habitantes -estaba en 326 na xornada anterior- e son 274 os casos activos. Unha situación similar de tensa calma é a que se vive en Vilanova, con 388 a sete días e 757 a catorce, pero tamén con tendencia á baixada.

A zona máis tranquila segue sendo a comarca do Baixo Ulla. Alí, nin Pontecesures, nin Valga , n Catoira presentan cifras extremadamente altas. Unicamente a localidade cesurá está por amais de 500, pero neste caso hai que ter en conta a pequena poboación, que desajusta o dato.