Veloso abre a súa conta este curso gañando un sector do Grande Prémio O Jogo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O vilagarcián do Tavira gañoulles a partida aos seus dous compañeiros de aventura para entrar en solitario na meta de S. Pedro do Sul

16 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O vilagarcián Gustavo César Veloso volveu demostrar que inicia a súa derradeira tempada coma ciclista profesional nun excelente estado de forma. Logo de ser coprotagonista a semana pasada na primeira etapa da Volta ao Algarve, participando na longa fuxida sen premio final que dominou a xornada, onte o xefe de filas do Atum General-Tavira-Maria Nova Hotel luso ergueu os brazos na meta de S. Pedro do Sul como gañador do segundo e último sector da etapa inaugural do Grande Prémio O Jogo en terras portuguesas.

Con José Neves, do W52-F.C. Porto, gañando o sector matutino, o ex equipo de Veloso permitiulle xunto a Jesús del Pino (Louletano) e Tiago Machado (Rádio Popular-Boavista) probar sorte desde lonxe nos 64,1 quilómetros con saída na mesma localidade da meta ao non supoñer perigo ningún para o liderado de Neves. Veloso, que pola mañá cedera máis dun cuarto de hora con este último, demostrou a súa veteranía e o seu poderío, levándose o gato á auga en solitario tras deixar atrás os seus compañeiros de aventura e podendo celebrar o seu triunfo a xeito con 26 segundos de vantaxe e case dous minutos respecto ao grupo de favoritos.

O G.P. O Jogo conclúe hoxe cunha segunda etapa de 138,2 quilómetros con saída e con chegada en Vieira do Minho.