Vilagarcía abrirá unha vía peonil entre Doutor Tourón e a zona de Desamparados

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Partirá do aparcadoiro de Matosinhos e discorrerá pola leira veciña, onde se vai construír un novo edificio

09 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O proxecto para construír un edificio de vivendas na avenida Doutor Tourón, nos terreos que agora ocupa unha casa con leira situada xunto á plazoleta-aparcadoiro do antigo matadoiro, abriu as portas ao Concello de Vilagarcía para crear un acceso peonil e verde que una esa parte da cidade coa zona de Desamparados. De momento, o Concello contratou por 5.500 euros a redacción do proxecto para a construción deste novo acceso peonil con zona verde incluída, do que se encargará a arquitecta Carolina Couselo.

A actuación que se vai levar a cabo, explica Ravella, é posible tras ter recibido o Concello a cesión de terreos correspondente á Administración local «polo procedemento urbanístico que permitirá construír un edificio de vivendas na finca anexa á prazoleta de Matosinhos». A superficie obtida polo Concello sumarase á que xa está dispoñible na parte de atrás do centro de Formación de Matosinhos e na parte posterior de Desamparados. «Isto permitirá habilitar un acceso peonil entre o lateral do edificio a construír e a prazoleta do antigo matadoiro. Contará cunha suave rampla para mellorar a accesibilidade á zona posterior do Centro de Formación e completarase coa creación dun espazo verde e con iluminación».

Ravella inclúe esta obra no conxunto de actuacións realizadas nesta zona, «onde se renovou e cambio completamente a imaxe do parque e se fixo unha importante actuación de mellora de accesibilidade e seguridade viaria na zona de acceso á zona escolar».