A confraría cambadesa urxe a vacinación das tripulacións do cerco

R. E. CAMBADOS

AROUSA

MONICA IRAGO

Onte ao mediodía eran xa seis os barcos afectados, en maior ou menor medida, por casos de covid-19

09 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Onte ao mediodía, eran xa seis os barcos de Cambados afectados, en maior ou menor medida, por casos de covid-19. Trátase, na maior parte deles, de barcos do cerco. E é que neste sector, e máis durante a costeira do Cantábrico, as tripulacións están condenadas a «convivir todo o día», o que facilita os contagios e a transmisión do virus. Así o explica o patrón maior de Cambados, Ruperto Costa, quen onte indicou que desde a confraría se está traballando arreo, reunindo documentación e facendo listados cun dobre obxectivo: por unha banda, reclamar que se realice un cribado específico para os socios do depósito. Polo outro, reivindicar que dunha vez por todas se proceda á vacinación dos traballadores do mar, e máis en concreto, dos dos sectores que teñen máis risco de contaxio. Nese sentido, Costa reivindica unha vacina de Janssen, xa que se aplica nunha única dose. «Cando empezou todo isto, a xente do mar seguiu traballando con normalidade. Tampouco se está a pedir nada raro: simplemente, a vacina para, primeiro, a xente do cero -unhas cen presentas en Cambados-, artes menores, marisqueo a flote e marisqueo a pé, por ese orde».

Polo demais, a confraría cambadesa asegura que a lonxa de Tragove segue traballando con total normalidade. Segundo explican, está a serse especialmente rigoroso co uso da máscara e do xel hidroalcohólico. Ademais, as portas da sala de poxa permanecen abertas e evítase que os compradores se aglomeren en puntos determinados da mesma. «Estamos moi pendentes, non imos baixar a garda agora».