O veciño de Vilanova acusado de abusar e atormentar á súa exparella nega os sete cargos que se lle imputan

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Ramón Leiro

A muller sofre un cadro de estrés postraumático que, segundo os peritos de Medicina Legal, encaixa co relato de feitos que formulou a acusación

07 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O escrito de acusación presentado polo fiscal pon os pelos de punta: relata anos de violencia, de malos tratos, de golpes, insultos e berros, de agresións sexuais, de furtos... Ese inferno, di o Ministerio Público, foi o que atravesou durante máis de oito anos unha muller que este xoves prestou declaración ante o xuíz a porta pechada, no contexto dun proceso xudicial aberto contra a súa exparella, un veciño de Vilanova para o que a Fiscalía pide 19 anos de prisión por sete delitos diferentes.

Ante o tribunal, o acusado negou tallantemente os feitos. Segundo o seu relato, que recolle Europa Press, «nunca» obrigou á súa parella «a facer nada que non quixese». Na súa relación, relatou a preguntas do seu avogado, «houbo discusións», pero insistiu en que nunca lle pegou, nin lle roubou, nin a insultou, nin a ameazou. Sostén que foi el o que sufriu lesións e arañazos. «Dáme vergoña, pero si chegou a agredirme», dixo, e apuntou que ela lle denunciaba cando rompían a relación. «Se me ía, dicíame que me ía pór unha denuncia; volviamos e quitábama», engadiu ante o tribunal.

O testemuño da muller foi a porta pechada. Pero en audiencia pública compareceu unha amiga da vítima, á que esta tería recorrido en varias ocasións: chamábaa para que fose recollela e, ao chegar, atopáballa coa roupa rota e o «corpo mazado». Aínda que a testemuña recoñeceu que nunca presenciara unha agresión directamente, as súas palabras parecen referendar a tese da Fiscalía, segundo a cal o acusado, durante os oito anos de relación coa súa muller e mesmo despois de haberlle posto fin á mesma, exerceu sobre ela «constantes e reiterados actos de violencia física e psíquica, chegando a insultala, menosprezala, ameazala e agredila fisicamente, co ánimo de controlala e sometela á súa vontade, e mesmo, dedicouse a revisar o seu teléfono e controlar as súas amizades». Así reza no escrito de acusación, no que se apuntan varios episodios dunha especial crueza: unha suposta agresión cunha pa nun centro de equitación no que el traballaba, e unha agresión sexual cometida unha noite na que a muller estaba baixo os efectos duns sedantes.

Os expertos

Na sesión de onte, tamén compareceron na audiencia os peritos do Instituto de Medicina Legal que compareceron ante o tribunal na sesión celebrada onte na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra. Os especialistas ratificaron cos seus testemuños que a muller presenta «sintomatología compatible con estrés postraumático», ademais dun «trastorno adaptativo», «angustia» e «inquedanza». Segundo os expertos, todas as situacións que se relatan respecto da actuación da súa exmarido son compatibles con esta situación.

O xuízo non quedou visto para sentenza: foi suspendido ata nova data, ao faltar unha perito psicóloga que a defensa considera imprescindible para completar o proceso.