O paro cae en 602 persoas na comarca en abril e sitúase en niveis precovid

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O descenso foi xeral por sectores e concellos, se ben anecdótico no Grove e Cesures

19 may 2021 . Actualizado ás 21:03 h.

En abril do 2020 o covid-19 golpeaba coa súa maior dureza, a nivel sanitario, pero tamén laboral. O primeiro mes completo desde o estalido da pandemia en España traducíase nos once municipios da beira sur da ría de Arousa nunhas cifras de paro pavorosas. ERTEs á marxe, 9.251 persoas figuraban nas listas das oficinas públicas de emprego da zona ao termo dese fatídico abril. 700 máis cun mes atrás (8.551); 1.154 ca en febreiro do 2020 (8.097), xusto antes de que o covid-19 puxera todo patas arriba. Un ano despois, abril do 2021 ofrece un balance esperanzador. Cos efectos da saída da terceira vagada pandémica reflectíndose nunha baixada mensual de 602 parados, que unidos aos 252 desocupados menos ao termo de marzo deixan o número de desempregados rexistrados no Servizo Público de Emprego de Galicia no sur de Arousa en 7.961. Isto é, un 7,03 % menos có mes anterior e case o dobre, o 13,94 %, respecto a abril do 2020, cunha redución de 1.290 demandantes de traballo na comparativa interanual. Porcentaxes que melloran as sobresaíntes medias contabilizadas en Galicia, cunha caída do paro do 5,5 % (9.941 persoas) de marzo a abril e do 10,88 % (20.851) na diferenza con doce meses atrás.

Así as cousas, e tras dous meses consecutivos de baixada, o paro vén de situarse na comarca en niveis precovid-19. Cos 7.961 traballadores na procura dun contrato o mes pasado mellorando os 8.048 cos que pechaba xaneiro do 2020 e moi preto dos 7.851 de abril do 2019, último ano ata hoxe no que a Semana Santa puido celebrarse con total normalidade e, por conseguinte, co seu efecto multiplicador na actividade económica dunha zona especialmente sensible á mobilidade turística.

A melloría do paro foi xeral no sur de Arousa, tanto por concellos coma por sectores. Respecto aos primeiros, Meaño ofreceu o mellor comportamento en abril, cunha caída do 12 % (de 392 a 345 desempregados), que na Illa foi dun 10,53 % (de 304 a 272). Seguíronos, por orde descendente, Meis, cun -9,76 % (de 328 a 296), Ribadumia, cun -9,27 % (de 336 a 305), Valga, cun -8,52 % (de 364 a 333), Cambados, cun -7,56 % (de 1.098 a 1.015), Vilagarcía, cun -7,59 % (de 3.490 a 3.225 parados), Vilanova, cun -7,43 % (de 781 a 723) e Catoira, cun -5,19 % (de 254 a 241). A baixada resultou menor no Grove, con 9 desocupados menos (de 997 a 988, -0,9 %), afectado por un peche perimetral, e Pontecesures, con só 1 (de 219 a 218).

Respecto aos sectores, foi o número de traballadores sen emprego anterior o que máis diminuíu porcentualmente nas listaxes das oficinas públicas de emprego entre marzo e abril, un 13,32 % (67, de 503 a 436), co paro na construción baixando un 9,3 % (de 548 a 497 persoas), na industria un 9,05 % (de 1.204 a 1.095), nos servizos un 6,65 % (de 5.847 a 5.482) e na agricultura e pesca un 2,17 % (de 461 a 451).