O Sergas citará a 4.800 vilagarciáns para facer un cribado en Fexdega

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Os convocados para hoxe son 1.600 vilanoveses de entre 50 e 64 anos

06 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O pavillón de Fexdega converterase esta fin de semana nun gran recinto sanitario. Alí coincidirán os labores de vacinación masiva e un extenso cribado ao que o Sergas citará a preto de cinco mil vilagarciáns. Serán 4.800 os veciños da localidade, de entre 30 e 49 anos, que serán citados vía SMS para realizar a proba PCR e detectar así posibles casos asintomáticos. «Pídese aos veciños que reciban a citación que acudan á convocatoria, dada a importancia que os cribados teñen para un maior control da enfermidade por parte das autoridades sanitarias e, consecuentemente, para beneficio de todos», sublíñase desde Ravella.

A coincidencia das dúas citas obrigará a un notable esforzo organizativo. «Dado que o recinto está funcionando tamén como punto de vacinación, para as realización das PCR establecerase un itinerario diferenciado e separado do que seguen as persoas citadas para inxectarse a vacina», explican desde o concello vilagarcián. De tal forma, que quen sexan convocados deberán acceder ás instalacións do recinto da Maroma polo aparcadoiro traseiro de Fexdega.

O cribado realizarase desde o venres ata o domingo en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00. Tras ter realizado a proba, os cidadáns recibirán un SMS se o resultado é negativo. Se, pola contra, o test dá positivo notificarase telefonicamente a cada persoa.

Tamén en Vilanova

Non será Vilagarcía a única localidade da comarca na que se realizará un cribado excepcional durante estes días. Sucederá tamén en Vilanova ao longo da xornada de hoxe. O Sergas convocará a 1.600 vilanoveses de entre 50 e 64 anos para que sexan sometidos a unha PCR convencional para detectar positivos asintomáticos. A elección deste franxa de idade débese, segundo explicou o alcalde Gonzalo Durán, a que apareceu algún caso nestas idades. Unha das persoas que foron citadas polo SMS telefónica é o propio rexedor. O exame farase no lateral do pavillón e puiden realizarse desde o coche. «Por favor, participade todos, porque non van aparecer moitos casos, pero dous ou tres que dean pode supor que nunha semana poidamos REVISAR abrir a hostalería porque a xente ten que traballar», afirma o rexedor vilanovés.

Non será ese o único cribado que se realizará na xornada de hoxe na localidade vilanovesa. Tamén se fará un no colexio de Corón, onde se detectaron catorce casos, segundo apuntou o alcalde. «Está a acabar. Pídovos, por favor un último esforzo», remachou Durán.