Somozas, rival do Arousa na súa segunda final polo ascenso directo

AROUSA

MONICA IRAGO

Os de Rafa Sáez visitan a un equipo moi tocado e minguado polas sancións

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Superada con nota a finalísima do domingo pasado na Lomba fronte ao Bergantiños, a vitoria 3-1 sobre o cadro de Carballo permitiulle ao Arousa chegar á terceira das seis xornadas da Liga polas dúas prazas de ascenso directo á nova Segunda División R.F.E.F. inda vivo. A 7 puntos do Bergantiños, o conxunto vilagarcián está obrigado a que este tropece en non menos de tres dos seus últimos catro encontros e a facer polo seu lado un final de segunda fase practicamente perfecto. Así pois, a visita desta tarde ao Campo Alcalde Manuel Candocia é, talmente, unha segunda final para o Arousa.

Enfronte, o cadro que adestra Rafa Sáez ten a unha U.D. Somozas coa que mantén un alto grao de paralelismo. Dous indiscutidos aspirantes a pelexar polas dúas prazas de ascenso directo tras reunir potentes cadros de persoal o pasado verán, que arrincaron la tempada dando mostras de enorme poderío, pero que a partir do mes de decembro foron perdendo folgos, chegando á segunda fase moi por detrás do Bergantiños e do Arenteiro.

Que a directiva do Somozas o apostou todo ao salto á nova Segunda División R.F.E.F. quedou de manifesto o pasado verán coa contratación do central Diego Garrido, do extremo Marcos Álvarez e do punta Pablo Rey, procedentes do Racing Ferrol de Segunda División B. Pablo Rey -leva 13 goles- e Luis Nuño son os principais argumentos que fixeron do cadro de Ferrolterra o máximo goleador dos seis equipos da fase de ascenso empatado a 41 tantos co Bergantiños.

O Somozas chega ao choque minguado desde hai un mes pola baixa de longa duración de Juan Martínez, que lle daba solidez á medular, e con tres ausencias esta semana por sanción, o seu porteiro titular, Marcos Souto, o central exarlequinado Pacheco e Alberto Novoa.

O Arousa, pola contra, preséntase cos seus 19 homes dispoñibles para Rafa Sáez. O técnico do equipo vilagarcián recoñecía onte que a vitoria sobre o Bergantiños supuxo esta semana para o seu equipo «un pulo anímico importante e maior tranquilidade ao ver que melloramos no que nos estaba a penalizar nos últimos partidos, o balance ofensivo». Respecto ao encontro desta tarde, Rafa Sáez salienta a gran pegada do Somozas e sinala que, de confirmarse o partido aberto que se poida presupoñer polos estilos de xogo de ambos os dous equipos, «aí gañará o que máis defenda».