O Asmubal cae por incomparecencia e sela o seu descenso virtual (32-24)

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

As meañesas non estiveron á altura do envite cun rival da súa liga, o Carballal

17 abr 2021 . Actualizado ás 22:57 h.

Partidos como este son nos que se lles ven as hechuras aos equipos. E a final na que se converteu a súa visita ao Carballal de Vigo acabou de descoser as costuras dun Asmubal Meaño curto de tea para vestir un traxe que, polo menos, non deixe zonas descubertas ao frío. Fronte a un rival da súa liga, na zona baixa da clasificación con só 4 puntos máis no seu haber, as pupilas de Juan Costas pagaron o seu nerviosismo paralizante dos primeiros minutos cunha derrota contundente. Máis aló dos números, 32-24 no marcador final, pola sonora aldrabada de despedida a unha categoría á que virtualmente volve dicir adeus pola vía rápida nunha segunda experiencia abocada, salvo carambola impensable ou futura invitación federativa, a resultar tan efémera como a do estreo catro anos atrás na División Honra Prata Feminina. Vista a actitude e o rendemento fronte ao Carballal, resulta inimaxinable proxectar unha vitoria meañesa a próxima semana na visita do xigante Rodríguez CLEBA a Coirón, por moito que o conxunto leonés chegue sabendo que acabará si ou si subcampión do grupo sen opción de desbancar ao Lanzarote.

6-0. Non. Non nos estamos referindo ao sistema defensivo do Carballal, aínda que así o expuxo Javier Castro, o seu adestrador. 6-0 foi o parcial de saída co que no minuto 8.27 o cadro vigués trasladaba ao marcador o que estaba a ocorrer na cancha. Ante un inerme Asmubal, practicamente incapaz de lanzar a portería ou circular o balón sequera entre a metade máis unha das súas xogadoras de ataque, o cadro local dábase un festín á conta da feble zaga visitante. Coa asociación entre a pivote Yaiza Alonso e a central Antía Seijo causando estragos na parte central do 6-0 disposto por Juan Costas, que intentou espertar ás súas cun tempo morto cando aínda non se consumiron os cinco primeiros minutos do partido.

O cambio de central foi a primeira pedra dun simulacro de reacción meañesa que se coceu a lume lento, e que se asentou na urxencia da figura de Lorena Lixeiro, sin duda a mellor meañesa dunha final á que non rematou de comparecer o Asmubal. A 15-13 achegouse o equipo a 1.08 do descanso, ao que se chegou con 16-13.

As de Costas volveron pórse a -2 aos cinco minutos da continuación, 18-16. Pero abondou que o Carballal empezase a flotar en defensa aos seus laterais para cortar a xa de seu escasa fluidez do seu ataque, na que o xogo co pivote e os extremos brillaba pola súa ausencia. A 8.30 do final o Carballal gañaba por sete, 28-21, e o xogo visitante confirmou que o Asmubal ten aínda que aprender que as finais se xogan para gañalas aínda que se poidan acabar perdendo.

As de Costas acaban co subcampión, CLEBA, en Coirón

As evidencias de que o Asmubal Meaño dixo adeus á División Honra Prata Feminina son moitas. Neste momento e a falta unicamente dunha xornada para a conclusión da Liga , é o peor antepenúltimo dos catro grupos nos que se divide esta tempada a categoría, sendo que dúas deles completan os dez descensos fixados nas bases da competición ao comezo do curso. Así, no Grupo B, o Loyola acabou a penúltima xornada con 14 puntos, polos 13 do Asmubal, co Basauri e o Castro-Urdiales pelexándolle aínda tamén con 13 ao Loyola evitar o descenso. Pero é que no Grupo C o Handball Gavá ocupa o terceiro posto pola cola da clasificación con 17 puntos, mentres que no D o C.B. Getasur fai o propio con 15. O problema a maiores é que ao Asmubal queda pechar o calendario cun dos xigantes non xa da Liga , senón da categoría. Un Rodríguez CLEBA que o vindeiro sábado visitará o Pavillón Municipal de Coirón segundo con 44 puntos, tras gañar 21 partidos, empatar 2 e perder só outros tantos.

FICHA DO PARTIDO:

A.D. CARBALLAL (32): Sofía Otero, Patricia Mallo, Inés López (2), Antía Seijo (6), María Pereira (2), Beatriz Soa (8) e Yaiza Alonso (8) -septeto titular-; Ángela, Uxía, Portela, Marta Varela, Sara Román (3), María Álvarez (3), Carracedo, Amoedo e Area Martínez.

ASMUBAL MEAÑO (24): Lorena Lixeiro, Andrea Cores (2), Laura Miniño (4), Victoria Domínguez (4), Lorena Barreiro (4), Sabela Miniño (1) e Cárol Ferreira (3) -septeto titular-; Julieta, Lara Castro, Mónica, Anabel Otero (1), Vanesa Domínguez, Andrea Barreiro (4) e Laura Rivas (1). 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 4-0, 6-1, 10-4, 12-8, 14-11, 16-13 (resultado ao descanso); 18-15, 20-17, 24-18, 27-21, 29-22 e 32-24 (resultado final).

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Marcos Pérez e Pablo Torreiro. Castigaron con 2 minutos ás xogadoras locais Uxía (min 8.51 e 45.36) e Sara Román (14.21); e ás visitantes Sabela Miniño (min 49.04), Vanesa Domínguez (33.21 e 59.25) e Andrea Barreiro (27.37).