A Garda Civil investiga o lanzamento de pedras sobre a estrada de Vilagarcía a Catoira

Serxio González Souto
SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Os seus autores enfróntanse a un delito grave contra a seguridade viaria

06 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Tendo en conta as graves consecuencias que a súa ocorrencia pode entrañar, os autores do lanzamento de rocas sobre a estrada que une Vilagarcía e Catoira, repetido durante a Semana Santa con importantes danos en varios vehículos, enfrontaranse a unha acusación nada desdeñable en canto sexan identificados. Niso traballa a Garda Civil, corpo ao que corresponden as competencias sobre a PO-548. Os seus axentes contan, na súa investigación, co apoio da Policía Local da capital arousá, que de feito instruíu as primeiras dilixencias sobre este caso, tal e como confirmou onte o Concello.

Guindar pedras de bo tamaño desde un lugar como a ponte de Bamio que sobrevoa a calzada non constitúe ningunha bobada. Menos aínda se se fai a unha hora como as cinco e media da mañá, en plena noite, nun punto que coincide cunha curva e unha zona de transición de velocidade elevada, entre os 90 e os 70 quilómetros por hora. Que a muller que o sábado acudía de madrugada ao seu posto de traballo non sufrise máis que o rebentón das rodas do seu coche non é máis que un mal menor en comparación co que puido ocorrer. Accións similares que se xulgaron en Galicia recentemente foron consideradas como delitos contra a seguridade viaria con grave risco para a circulación. Reiterado, neste caso, xa que os lanzamentos se rexistraron ao longo de tres días. As penas poden oscilar entre os seis meses e os dous anos de cárcere; como mínimo, un período importante de traballos para a comunidade; e multas que poden roldar os cinco mil euros.