César Veloso xa roda coas cores que iluminarán a súa foto de despedida

Loce o equipamento do Tavira recén cambiado o chip para abrir a tempada en abril


Vilagarcía / La Voz

Tras cinco anos no W52-F.C. Porto -precedidos doutros tres de negro e de amarelo na mesma estrutura baixo os nomes de OFM e W52 Quinta da Lixa-, Gustavo César Veloso vén de cambiar definitivamente o azul mariño polo azul celeste para comezar a rodar proximamente a última das súas 21 tempadas no gran pelotón. O vilagarcián, que o pasado 29 de xaneiro cumpría 41 anos, recibiu o equipamento co que se despedirá como corredor profesional ao final deste ano nas filas do Tavira, confiando en poder montar a súa nova bicicleta a finais desta semana. Un adeus que comeza marcado, como o ano pasado, polo impacto brutal da pandemia de covid-19 no seu deporte. Ata o punto de retrasar como mínimo xa dous meses o inicio do calendario de carreiras.

«Normalmente en febreiro estariamos correndo todos», sinalaba onte Veloso. O problema, continúa, é que «Portugal estará pechado ata mediados deste mes» e neste momento a Clásica de Apertura, a primeira carreira programada no país do seu equipo e da metade do seu percorrido coma deportista, aparece programada para o 11 de abril. E que así sexa. Porque o de Bamio, como a maioría dos seus compañeiros de profesión, non as ten todas consigo visto o retraso dos procesos de vacinación popular en Europa, moitísimo máis lentos do agardado por moitos a finais de decembro tras a aprobación polas autoridades sanitarias dos primeiros preparados contra o covid-19.

«O equipo está tentando buscar algunha carreira fóra de Portugal» para adiantar o inicio da competición pero, sinala Gustavo César, «está igual de complicado. Imaxino que cando se empece haberá moitas carreiras, case todas as fins de semana ata a Volta a Portugal», un ano máis o seu grande e derradeiro obxectivo. Mais «haberá que ver se non se suspende algunha proba por falta de diñeiro como sucedeu o ano pasado», advirte o novo home forte do Tavira. «Moitas organizacións de carreiras son empresas que organizan eventos deportivos e precisan gañar diñeiro». Tamén é certo, algunha outra «anunciara o ano pasado a súa suspensión preferindo gardar o diñeiro para facer este ano unha edición máis potente».

Sexa como sexa, Veloso foi consciente xa en decembro de «que se ían suspender carreiras». E sobre esta base readaptou a folla de ruta da súa preparación. Traballando coa vista posta en «chegar medianamente competitivo a abril para axudar a outros compañeiros e estar decente en xuño e xullo e chegar o mellor posible a agosto» para a Volta a Portugal. Unha circunstancia que o está a facer vivir a pretempada máis longa das súas dúas décadas de carreira profesional. Tanto é así, que non foi ata esta semana que fixo o seu primeiro cambio de mesociclo, pasando da «pretempada a unha etapa preparatoria máis específica para a competición», di. «Ata agora era máis un traballo de acondicionamento xeral. Hoxe -por onte- xa fixen por exemplo 45 minutos de bicicleta a ritmo de carreira», conta.

Anxo Sánchez

A situación pandémica, que estivo a golpear nesta terceira vagada con igual virulencia a España e a Portugal, impediu a Gustavo César Veloso realizar sequera a súa inda pendente primeira concentración co seu novo equipo. Tampouco o seu veciño e cambadés Ángel Sánchez o puido facer cos seus compañeiros do Mortágua, escadra lusa na que rodará por segunda tempada consecutiva. Sánchez entendía onte que «al comprimirse tanto la temporada probablemente corra casi todo» unha vez arrinque.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
2 votos
Comentarios

César Veloso xa roda coas cores que iluminarán a súa foto de despedida