A incidencia do covid baixa a contagotas nos municipios máis afectados da comarca

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A taxa de contagios acumulados a 14 días segue mellorando en Arousa por baixo do nivel de risco extremo, con 189 casos

27 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha vez abandonado o nivel de risco máis alto de transmisión do covid, o territorio de Arousa instalouse nunha lenta mellora da súa taxa de incidencia do coronavirus. Os últimos datos que a xerencia da área sanitaria especificou, a comezos desta semana, sinalan un comportamento esperanzador dos outros dous principais indicadores da pandemia: o número de reprodución instantáneo, que mide o ritmo dos contagios, sitúase entre 0,5 e 0,6, tendo en conta que 1 significa que cada enfermo infecta a outra persoa como media; e a porcentaxe de probas que resultan positivas cae ao 3,77 % das PCR que se están practicando na área, cando a Organización Mundial da Saúde sitúa nun 5 % o limiar baixo o que a epidemia pode considerarse baixo control.

O terceiro pé desta lectura é a taxa de incidencia acumulada a catorce días, que reflicte o número de novos contagios que se detectaron nas últimas dúas semanas por cada cen mil habitantes. Onte, esa cifra media situábase en Arousa en 189 casos cando hai tres días eran 198. O balance, polo tanto, continúa mellorando e afastándose da barreira dos 250, a partir dos cales se entende que o nivel de risco é extremo.

Os municipios que continúan por amais dese limiar son Vilanova (388), Meis (333), Catoira (329) e Cambados (298), aínda que todos eles experimentaron onte un descenso das súas respectivas taxas. Lixeiro, pero descenso, á fin e ao cabo. No extremo oposto están os concellos cuxo indicador caeu por baixo dos 150 novos contagios por cada cen mil habitantes a catorce días: son O Grove e Valga . A evolución tamén é claramente positiva en Ribadumia e A Illa, ambas cunha incidencia que se coloca entre os 130 e os 250 novos casos.