A incidencia do covid duplicouse en 20 días no Salnés e o Baixo Ulla

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Valga rexistrou máis casos totais que Vilagarcía nas dúas últimas semanas

26 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Non arrincara mal o 2021 no que ao covid-19 se refire nas comarcas do Salnés e o Baixo Ulla. Certo é que A Illa estaba vivindo a súa situación máis preocupante, da que parece que xa está a conseguir saír, pero en varios dos demais municipios arousáns a situación parecía moito máis tranquila. Pontecesures, Ribadumia, Vilanova e Meis rexistraran menos de dez positivos nas dúas semanas anteriores, O Grove comezara a baixar o seu rexistros e en Vilagarcía a incidencia a catorce días estaba en 202 o día 4 de xaneiro.

Só vinte días máis tarde, o panorama preséntase moito máis complicado. A incidencia hase duplicado neste curto espazo de tempo pasando dunha media de 260 casos por cen mil habitantes, aos 545 que se rexistraban onte. E se entón era A Illa o único municipio que rompía a relativa tranquilidade, se é que nalgún momento chegou a haber tranquilidade, en Arousa, agora o susto é continuo. Ben é verdade, que hai localidades ás que o concepto de riscos extremo xa hai tempo que se lle quedou curto. Pontecesures hai xa varios días que está nesa catalogación, superando con moito os dous mil casos por cen mil habitantes, aínda que é verdade que, polo menos, parou a altísima velocidade do seu crecemento. O luns pasado estaba en 2.457 e onte en 2.490. Falta que comece a baixar eses números e o que suceda esta semana será un bo termómetro para poder examinar a súa situación.

A situación dos seus veciños do sur é moito peor. En Valga diagnosticáronse máis casos (141) nas dúas últimas semanas que en Vilagarcía (139). Isto provoca que a incidencia a catorce días disparouse ata os 2.402 casos por cen mil habitantes. Unha auténtica barbaridade para un municipio da súa poboación. Na Illa, por exemplo, nunca se foi a incidencia máis aló dos dous mil casos nos seus peores momentos. En Vilagarcía onte detectáronse 8 casos máis que o domingo e está en 154.

Tamén creceu Cambados, con catro casos máis que o domingo e cuxa incidencia a catorce días volve dispararse ata os 276 casos por cen mil habitantes, cando a pasada semana estaba por baixo dos douscentos.

Con todo, o outro foco de atención fíxase agora en Meis. Alí diagnosticáronse 44 casos nas dúas últimas semanas, co que a súa incidencia a catorce días roza xa os mil casos por cen mil habitantes (918). Vilanova, aínda que a menor velocidade, tamén mantén a súa escalada e achégase aos 400 puntos (398), do mesmo xeito que Meaño (322), mentres que os datos tiran cara á estabilidade tanto no Grove (345) como en Ribadumia (198). As boas noticias, en forma de tendencia á baixa aínda que aínda con cifras moi altas, chegan en Catoira (780) e A Illa, onde soamente se diagnosticaron 17 casos nas dúas últimas semanas, con 29 positivos activos, dous menos que o día anterior.