A denominación de orixe do Ribeiro recoñece a Esther Daporta co premio Muller e Viño

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A entrega destes recoñecementos, celebrarase o 18 de decembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia

10 dic 2020 . Actualizado ás 10:18 h.

A cambadesa Esther Daporta vén de ser recoñecida polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro co premio Muller e Viño. Paralelamente, o xornalista Francisco Gil, do programa Cousas de Comer, recibirá o galardón ao Mellor labor de comunicación. A entrega destes recoñecementos, celebrarase o 18 de decembro, ás 10.30 horas, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. As esixencias sanitarias provocan que esta vaia ser unha gala distinta, con asistencia limitada ao recinto pero aberta a todos os amigos da Denominación máis antiga de Galicia a través das súas canles de comunicación.

Esther Daporta, sumiller do restaurante Yayo Daporta dende 2005, é descrita polo xurado como «unha espelida profesional que gusta de seguir aprendendo percorrendo adegas e restaurantes de toda Europa, para dar deste xeito o mellor servizo aos clientes dun restaurante que é parada obrigatoria en Cambados, recoñecido cunha estrela Michelin ou dous soles Repsol». Esther Daporta sucede á enóloga Isabel Mijares, galardoada no 2019 co Muller e Viño, e súmase a unha listaxe na que están Sonia Prince de Galimberti, presidenta da Asociación de Mujeres Amantes de la Cultura del Vino AMAVI; Mónica Fernández, sumiller e directora de sala do Grupo Bambú; ou Mayte Santa Cecilia, de Bodega Santa Cecilia. O día 18 recoñecerase tamén aos mellores viños brancos e tintos na cata oficial.