Vilagarcía afina un Nadal ilusionante, pero segura

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

As casetas do mercadillo de Nadal abrirán o venres día 4

02 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Difícil tarefa a de combinar a seguridade coa ilusión desbordante do Nadal, pero niso están no Concello de Vilagarcía. Ravella preparou unha serie de actividades para levar un chisco de dinamismo ás rúas, nun intento de axudar a que os comerciantes e hostaleiros poidan ter máis clientes nun ano que foi terrorífico para eles.

Precisamente, e coa intención de botar unha man aos establecementos locais, será o Concello o que asuma este ano a organización do mercadillo de Nadal. Iso permite que sexan varios os comerciantes que poidan mostrar, e vender, os seus produtos nas casetas, que estarán instaladas nos xardíns da praza da Independencia e da praza de España.

Son unha trintena as firmas que se apuntaron para tomar parte nesta iniciativa. Os comerciantes locais estarán durante as tres semanas que as casetas estarán abertas ao público e os foráneos iranse rotando. Os produtos do Nadal serán os protagonistas, con varias das casetas dedicadas a vender produtos para a iluminación do Nadal. Este ano, ademais, haberá unha food truck decorada especialmente para a ocasión.

O mercadillo de Nadal abrirá o venres día 4 e permanecerá aberto ata o día 27. O seu horario polas mañás será de 11.00 a 13.30 e, polas tardes, entre as 17.00 e as 21.00. Contará con música ambiental e tamén haberá algunha actuación en directo de grupos locais.

As actuacións na rúa son o outro gran polo sobre o que virará a programación do Nadal que se preparou en Ravella. Serán actuacións sorpresa, que non se anunciarán para intentar evitar aglomeracións, e basicamente dirixidas aos nenos, explicaron as concelleiras de Cultura, Sonia Outón, e de Promoción Económica, Alba Briones.