Vilagarcía é a localidade do Salnés que ten unha menor incidencia de covid-19

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Catoira, que foi onde houbo o primeiro gran brote, leva semanas sen casos

24 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Vilagarcía segue mellorando aos poucos os datos en canto aos seus positivos por covid-19. É certo, que onte contabilizou tres positivos e está agora en 70, pero a cifra importante é a da incidencia a catorce días e aí, cada día, que pasa a curva vaise aplanando. A incidencia que presenta a localidade arousá é de 142 casos por cen mil habitantes. A metade que, por exemplo, Ribeira, que se mantén sen restricións a pesar de que a súa incidencia a catorce días é de 308.

A vilagarciá é unha da dúas únicas excepcións nun panorama non tan halagüeño para as demais localidades do Salnés e do Baixo Ulla. En todas elas a incidencia supera os douscentos casos por cen mil habitantes nos últimos catorce días e os datos son especialmente preocupantes en Ribadumia (534) e en Meis (605), que se mantén en 29 casos activos. Onte rexistráronse dous novos casos en Cambados , que ten 79 positivos activos e unha incidencia a catorce días de 429, e outro máis no Grove, que acada os 54, e o dato a dúas semanas é de 460 por cen mil habitantes.

Á marxe da boa marcha que presenta Vilagarcía, a gran noticia da comarca prodúcese en Catoira . Alí foi onde xurdiu o primeiro gran brote da comarca, con aquela reunión familiar na que tamén resultou contaxiado o porteiro do Celta Sergio Álvarez, e hai moitos días que non contabiliza casos. Ningún nas dúas últimas semanas, segundo os datos que fixo públicos o Sergas.

Doutra banda, nas inmediacións do centro de saúde de Cambados preparouse un espazo para que quen sexan citados poidan realizarse unha proba de antígenos sen ter que baixar do coche. Unha situación que permitirá que soamente sexan sometidos a unha PCR quen dean positivo na primeira delas. En Vilanova tamén se instalaron unhas carpas ao lado do centro de saúde para facer as análises e as probas de Sintrom.