Josito, María Casares e as bolboretas

La Voz

AROUSA

Martina Miser

14 novs 2020 . Actualizado ás 21:23 h.

Caen chuzos de punta para o multidiverso mundo da cultura, ameazado pola pandemia en todas as súas facianas. Só uns poucos espectáculos seguen en pe, e «A lingua das bolboretas», tal e como a recrea a compañía Sarabela Teatro, é un deles. Onte púxose en escena no auditorio de Vilagarcía, con aforo completo, o cal di moito de quen racharon toda esta arañeira de medo para gozar do teatro, con todas as medidas de seguridade que a situación esixe, iso si. Apenas trinta persoas, claro, porque as limitacións non dan para máis. Entre o elenco, volvía a casa Josito Porto, co seu quinto premio María Casares baixo o brazo e ulindo a pan fresco do día. Desta volta, polo seu labor como actor secundario en «MedidaXMedida» de Producións Excéntricas. Unha fin de semana con dúas obras programadas é cousa que non se lembraba.