Un Primeira na Senra, e un bo aguinaldo do Nadal para o persoal

AROUSA

RFGF

O Ribadumia, pertencente a un concello de pouco máis de cinco mil habitantes, fixo historia ao clasificarse para xogar a primeira rolda da Copa do Rey

13 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Das dúbidas, á gloria. O Ribadumia foi un dos clubs que con máis persistencia se opuña a que comezase a competición de Terceira División. De feito, empezou os adestramentos na última semana de setembro, apenas quince días antes de enfrontarse ao Viveiro en busca da praza galega para a eliminatoria previa da Copa do Rey . Pasou aquela fase na quenda de penaltis, e o mércores superou ao Miengo cántabro a domicilio (0-1). O seu próximo rival será un equipo de Primeira División, no que o presidente do club cualifica como o que será o partido máis importante nos 61 anos de historia do club.

O Ribadumia é un dos dez clubs modestos aos que lles tocou o gordo en novembro. Pero hai modestos e modestos. O conxunto arousán procede dunha poboación de pouco máis de cinco mil habitantes. Só o Cantolagua, da localidade navarra de Sangüesa e que tamén rolda os cinco mil veciños, pódeselle comparar. Porque no bombo dos modestos tamén figuran clubs de Murcia ou de Logroño, por exemplo, cidades moito máis importantes.

A contía deste gordo de Nadal que lle tocou ao Ribadumia pódese cuantificar se se lle bota unha ollada ao seu orzamento, que na presente tempada roldará os 160.000 euros. Toño Serantes, o presidente, afirma que aínda non sabe canto caerá na caixa grazas a esta eliminatoria de Copa, pero calcula que serán ao redor de vinte ou vinte e cinco miles euros. Un bo tanto para un club que conta con medio milleiro de socios, a maioría deles de compromiso, dos que sacan o carné para que o club poida subsistir pero que en moitas ocasións non van ao campo. O belisco copeiro valerá, iso si, para que o persoal vexa como o habitual aguinaldo do Nadal que a directiva solta se as cousas van ben pese este ano un pouquiño máis.

E, tras a alegría deportiva, os problemas burocráticos. Hoxe desprazaranse ao campo da Senra os técnicos da federación para facer un recoñecemento das instalacións. O presidente confía en que o partido se poida xogar na Senra sen ningún tipo de problema. Outro asunto é o da xente que o poderá ver alí. É un premio extraordinario nun ano terrible, pero o encontro xogarase en decembro. E quen sabe.