Residentes e empregados de Divina Pastora están libres de coronavirus

serxio gonzález cristina barral rosa estévez / REDACCIÓN / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Vilagarcía acada os 65 casos activos mentres a área sanitaria roza xa os 600

23 oct 2020 . Actualizado ás 21:21 h.

O argot futbolístico reserva unha expresión para a sensación de alivio que se experimenta ao superar sen danos unha situación de risco inminente: tiro ao poste. O xoves desvelábase que un dos membros do persoal da residencia de anciáns Divina Pastora, en Vilagarcía, contraera o coronavirus, probablemente a través dun membro do seu círculo familiar. Era a segunda vez que a ameaza roldaba as instalacións, despois do falso positivo que se detectou en pleno confinamento. E, por segunda vez, o disparo acabou no poste. O propio xoves pola noite, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) confirmaba que ningún dos cen usuarios do asilo foi infectado polo covid-19, tras comprobar os resultados das probas PCR aos que todos eles foron sometidos. Onte pola mañá chegaba o complemento imprescindible para respirar con certa tranquilidade: tampouco o resto dos empregados do centro teñen rastro algún da temida enfermidade.

Que a residencia siga manténdose á marxe dos contagios non quere dicir que en Vilagarcía as cousas teñan mellorado. Non o fixeron. Onte, por noveno día consecutivo, a cidade viu como crecía o número dos seus casos activos. Son 65, tres máis nas últimas 24 horas e oito por amais dos 57 que levaron ao municipio ao establecemento de restricións especiais a partir da medianoite do 26 de setembro. Mellores noticias chegan desde Cambados, onde a cifra de infeccións sitúase en 16, dúas menos que o día anterior. Tamén desde Vilanova, un dos concellos do Salnés que máis preocupan ao comité consultivo que asesora á Xunta, xa que a súa taxa de incidencia acumulada supera as medias de Galicia tanto a tres como a sete e catorce días. O número de casos activos permanece sen variacións. 

Outra mala xornada

En xeral, o de onte foi outro mal día para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés en canto á incidencia do coronavirus. O informe do Servizo Galego de Saúde constata que se manteñen disparados os contagios, na terceira xornada consecutiva con máis de cincuenta novos. Son exactamente 59, para un total de 595 casos activos. Deses case seiscentos infectados, 37 pacientes necesitan hospitalización. Trinta deles están ingresados en planta de dous centros (25 en Montecelo e cinco no Salnés, en Vilagarcía) e os sete restantes están graves na unidade de coidados intensivos (uci) de Montecelo. Unha unidade de críticos que ten capacidade para dez enfermos, polo que xa está previsto habilitar máis camas uci en reanimación, deixando a unidade de curta estancia (uce) para graves non covid.

O resto de casos, 558, teñen síntomas leves ou son asintomáticos, por iso están en illamento nos seus domicilios baixo supervisión de persoal de atención primaria e de Medicina Preventiva. Desde o inicio da pandemia as persoas curadas son 2.249, 28 máis respecto ao xoves. As vítimas mortais son 27. A última, unha muller de sesenta anos con patoloxías previas. 

O brote de oncoloxía

A dirección do Chop mantivo onte unha reunión informativa co comité de seguridade e saúde. Segundo fontes sindicais, confirmáronlles que o brote de oncoloxía suma xa 27 contaxiados (9 pacientes, 10 profesionais e 8 familiares) e que debido a este foco estase facendo un cribado a todo o persoal do Hospital Provincial: «Están a valorar protocolos e déronnos unhas recomendacións, pero sempre se culpa ao profesional». O de oncoloxía é o brote máis grave e a investigación non está pechada.