Veloso prepara en alto os Campionatos de España

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Joao Fonseca

O vilagarcián regresa á cita oito anos despois ante a falta de calendario

10 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Oito anos levaba Gustavo César Veloso sen disputar os Campionatos de España de Ciclismo. Desde o 2012, cando o fixo co desaparecido Andalucía. A partir de entón os seus compromisos co calendario profesional portugués impedíronlle volver correr a cita estatal, ata agora. A conxelación das probas no país luso desde marzo a causa da pandemia levaron o corredor vilagarcián a inscribirse no dous por un que son os Campionatos de España, co de contrarreloxio fixado para o día 21 e o de fondo en estrada para o 23 na provincia de Xaén.

«Xa que non teño outras carreiras, vou preparar estas», comentaba esta fin de semana Veloso. «Tampouco é que o vaia facer de forma exclusiva, só que estaba nun bo momento para correr Torres Vedras -o Trofeo Joaquim Agostinho- e a Volta a Portugal», ambas aprazadas o mes pasado; «o que fixen foi cambiar un pouco o chip, manter a forma que teño, empezar saír un pouquiño máis na cabra». Iso, e iniciar onte unha concentración dunha semana en alto en Manzaneda. Desta volta non tanto para mellorar a resistencia como para adaptar o seu físico ao calor abafante do interior de Andalucía nesta época do ano, explica o arousán.

A Clásica de Apertura, en febreiro, a Clásica de Primavera, en marzo, e a Proba de Reapertura, unha contrarreloxio individual de 22 quilómetros en Sangalhos, Portugal, a comezos de xullo, na que acabou terceiro, suman os tres días de competición acumulados este ano por Gustavo César. Así as cousas, o vilagarcián do W52-F.C. Porto declara que afronta estes Campionatos de España co único ánimo de «gozalos, porque non sei se serán os últimos que corra ou non, e tentar facelo o mellor posible».

Aos seus 40 anos, na que pretendía fose a súa derradeira tempada sobre un sillín do gran pelotón, Veloso entende que partirá coa desvantaxe respecto aos ciclistas dos equipos continentais-profesionais e ProTour, con varias semanas xa de rodaxe en diferentes carreiras de primeiro nivel. Iso, e a década ao lombo desde que no 2010 asinara co Xacobeo os seus mellores resultados nos Campionatos de España, cuarto na crono e sexto na proba de ruta, fan que se prepare sen presión ningunha.

É esta a mellor forma que ten neste momento de motivarse mentres segue adestrando en espera de despexar as dúbidas sobre a celebración ou non neste 2020 da gran cita do seu calendario nos sete últimos anos, a Volta a Portugal.