Final a dez anos de «A Viaxe» para musicar o relato da emigración galega a Arxentina

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Juan Carlos Cambas publica un adianto do seu disco colectivo con nomes como os de Silvio Rodríguez, Dulce Pontes ou José Sancristán

14 may 2020 . Actualizado ás 13:16 h.

«Pilar e Juan é a biografía da miña familia. Pero tamén conta a historia de miles de inmigrantes, que como os meus pais, puxeron os seus pés e as súas esperanzas en Arxentina, en busca dun futuro mellor para eles e para as súas familias que quedaban en España». Así arrinca a narración do documental que o pasado día 1 subía á rede Juan Carlos Cambas xunto ao tema Pilar e Juan, unha das 17 composicións musicais e musicadas que compoñen o primeiro dos dous discos do proxecto A Viaxe. Dende Arxentina ata Galicia, que o seu artífice informa verá a luz antes de final deste ano. Un proxecto colosal, que arrinca en 2010, capaz de amorear ao longo dunha década a colaboración altruísta de xigantes de Arxentina, Cuba, Portugal e España. Con nomes como os de Silvio Rodríguez, León Gieco, Juan Carlos Baglietto, Dulce Pontes, Joao Afonso, Kepa Junkera, Uxía ou a voz de José Sancristán entre as decenas de músicos e demais artistas embarcados no empeño de Cambas por construír un relato universal a partir da viaxe de dobre dirección dos seus pais, Pilar e Juan, con el mesmo implicado na volta; trasunto de millóns de historias persoais e familiares. 

Pianista, arreglador e produtor arxentino, Cambas emigrou no 2002 a Vilagarcía xunto á súa nai, a galega Pilar , e o seu pai, o asturiano Juan. Un traslado forzado pola grave crise do Corralito nunha Arxentina que unira aos seus proxenitores tras cruzar por separado o gran charco a mediados do século pasado. Nunha e outra ocasión «empezamos de cero». Unha circunstancia dura, raíz profunda da árbore de silencio que, explica Cambas, secou a transmisión familiar de boa parte das historias de vida de millóns de emigrantes galegos. Unha dinámica incompatible coa súa forma de entender e de afrontar a existencia. 

«Resetear, e entender que un pode pertencer a dous lugares. Que todos somos persoas, que podemos atoparnos nas nosas diferenzas, aceptarnos, e enriquecernos mutuamente. Ese é o legado de Pilar e Juan», narra Cambas no seu documental. E ese, o poder de enriquecemento recíproco da intersección de culturas, é o principio motivador que dez anos atrás o levou a empezar a construír e ensamblar cos seus sos e modestos recursos un traballo que pinta moito percorrido, máis aló do musical.

«O meu punto de partida foi o poema Criollo, de Suma Paz, recitado por José Sancristán cunha milonga pampeana de Óscar Alem de fondo». Pero a partir de aí «o proxecto adquiriu vida propia», conta o seu promotor. As súas referencias como pianista de Dulce Pontes ao longo de moitos dos maiores teatros da música do mundo abríronlle a Cambas as portas ás que o levaba o seu instinto. E así puido reunir duetos como o do luso Joao Afonso e o arxentino Juan Carlos Baglietto interpretando Aquí em Baixo, tema do sinxelo co que Cambas adiantou ao mundo no 2015 que A Viaxe. Dende Arxentina a Galicia, levaba xa 5 anos de camiño. Un traballo no que non podía faltar Dulce Pontes, con mesturas tan suxestivas como as das voces e arte de Julia Zenko e a Orquestra Sinfónica da USC, Kepa Junkera e Nahuel Pennisi, ou Uxía e Suma Paz. Coa icona da música latinoamericana Piero pondo voz á letra do referente da cultura popular arxentina Luis Landriscina e do seu compatriota Jorge Fandermole no tema Pilar e Juan. Ou co cubano Silvio Rodríguez acompañado polos vascos Alos Quartet pechando o primeiro disco do proxecto. O segundo xa está gravado, pendente de edición.