O Arousa recibirá o Racing Vilalbés o sábado ás cinco en Vilaxoán, tras xogar hoxe co Deiro

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

Os de Rafa Sáez camiñan cara os catro meses sen pisar o seu feudo da Lomba

19 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O sábado, a partir das cinco da tarde, no Campo Municipal de Vilaxoán. Ese é o día, hora e lugar no que o Arousa se medirá ao Racing Vilalbés na vixésimo quinta xornada de Liga de Terceira División. O Arousa aceptou a petición do conxunto lugués de adiantar un día o encontro, solicitude que lle trasladou ao ter que visitar o vindeiro martes, ás 16.15 horas, o Polvorín F.C., en partido correspondente á decimosétima xornada, suspendido o 21 de decembro por culpa dun temporal.

«Síntoo polos socios, pero entre que vén o Entroido, e que nolo piden do outro club... Hoxe por ti, mañá por min», declaraba onte o presidente do Arousa. Un Manolo Abalo que se lamentou do feito de ter que volver competir no sintético de Vilaxoán, e non na Lomba, campo no que o equipo de Rafa Sáez vai camiño dos catro meses sen poder pisar. A primeira hora da tarde de onte Abalo non tiña sequera noticias da Fundación de Deportes de Vilagarcía, titular dos dous terreos de xogo, sobre se o xefe de obra da cuberta de preferencia da Lomba cambiara ou non o seu criterio de vetar o uso do recinto mentres non rematan os traballos.

O Arousa chegará á cita tras afrontar, esta noite desde as 21 horas no campo vilanovés de Monte da Lomba, a súa segunda eliminatoria da Copa Deputación. Logo de golear, 0-7, o Anduriña a semana pasada, o conxunto arlequinado mídese á U.D.S.M. Deiro. Faráo de novo cun nutrido grupo de futbolistas do seu primeiro equipo xuvenil, e co groso dos menos habituais no once de Rafa Sáez.