«Eu non podo ser escrava dunha persoa, nin ela o meu refén», din reclamando o cambio da ordenanza de vehículos de discapacitados de Vilagarcía

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A muller dun dependente pelexa por eliminar o límite dun só condutor asistente para a exención do imposto de circulación

19 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O marido de María Ángeles Cortés Pérez é unha persoa cunha discapacidade recoñecida do 76 %, á que engade a necesidade do concurso dunha terceira persoa para poder realizar calquera actividade básica da vida diaria. Anxos adoita ser esa terceira persoa, tamén cando se trata de facilitar ao seu esposo transporte no seu vehículo particular. Unha circunstancia que a levou a dirixirse en marzo do ano pasado ao Concello de Vilagarcía para acollerse á exención do pagamento do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, de competencia municipal, á que ten dereito unha parte importante do colectivo de persoas con discapacidade en base á ordenanza fiscal aprobada no seu día polo goberno local. Desde Ravella desestimouse a solicitude. O motivo? «A póliza do seguro rcoñece a existencia doutras persoas autorizadas para a conducción do vehículo, ademais do asistente do mesmo, Ángeles Cortés, polo que non cumpre a exclusividade esixida», reza a resolución, en referencia á restrición municipal a un único individuo da condución do coche do seu titular discapacitado.

Por dúas veces recorreu a negativa do Concello Anxos, a última, o mes pasado, sen sorte. E en ambas as ocasións o corazón da súa argumentación dispara contra a «discriminación» á que ve sometidos a parte dos beneficiarios potenciais da exención do imposto. Así, expón que «o discapacitado que conduce vai onde e cando queira, e está exento do imposto de circulación. O discapacitado que non puiden conducir, ou paga o imposto, ou restrigen a súa mobilidade por obrigalo a depender só dunha persoa».

«No caso dos minusválidos dependentes», como o seu, «se eu estou enferma, ou se estou a traballar, ou se non me dá a gana, el non se move. Eu non podo ser escrava dunha persoa 24 horas (ao día), nin ela o meu refén», denuncia Cortés, que tras falar coa tenente de alcalde Tania García o pasado verán cando contaba cunha cita co rexedor, Alberto Varela, e tras ter posto o seu caso en coñecemento dun concelleiro de EU e do PP sen sacar nada en limpo, móstrase disposta a seguir batallando para que o Concello de Vilagarcía autorice na súa ordenanza a que máis dun condutor poida transportar a un discapacitado no vehículo do que este é propietario.

Disposta a iniciar unha campaña de recollida de firmas

María Ángeles Cortés afirma que consultou o seu caso coa Xunta e o Defensor da Vila de Canarias, comunidade na que pasa co seu marido parte do ano, e que en ambos os casos hanlle asegurado que a ordenanza vilagarciá é «inxusta» ao restrinxir a un único condutor autorizado para obter a exención do imposto de circulación. Cortés explica que pagou o imposto deste ano, e que «teño capacidade económica para iso; o que non podo soportar», engade a continuación, «é a discriminación. Reclamo pola inxustiza. Hai minusválidos que non poderán pagar ese imposto, e aos que indirectamente se está criminalizando» por sobrentender a súa intención de empregar a ordenanza en beneficio fiscal de terceiros. Así as cousas, se Ravella non accede a modificar a súa normativa, que ela cualifica ilegal, Anxos anuncia unha campaña de recollida de firmas ao seu regreso a Vilagarcía no verán.