A historia musicada de Rosalía

AROUSA

MONICA IRAGO

Dani Barreiro acode aos institutos de Vilagarcía cun espectáculo sobre a vida da escritora

19 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Onte foron os cativos de Primaria os que, a través dunha obra de teatro, se achegaron á historia de Rosalía de Castro, muller, poeta e rebelde que coas súas palabras sentou as bases do Rexurdimento. Agora, a vida e a obra desta autora achegarase aos institutos de Vilagarcía. Ata alí, da man do Concello de Vilagarcía, achegarase o músico Dani Barreiro cun espectáculo poético musical que permitirá achegarse, dunha forma diferente e divertida, á vida e á obra da muller da que, o día 24 deste mes, celebramos o aniversario.

O espectáculo chega hoxe aos institutos Miguel Ángel González de Carril e ao Bouza Brey. Mañá, ao Armando Cotarelo e ao Castro Alobre. En todos os casos, a actividade está dirixida a alumnado da ESO, segundo informa o Concello. En todos eles despregarase «unha breve viaxe a través da vida de Rosalía poñendo música e recitando 8 dos poemas máis representativos da súa obra». «Trátase -di Ravella- dunha experiencia interactiva de aproximadamente corenta minutos de duración na que se recitarán e cantarán poemas da autora, percorrendo os pasaxes máis importantes da súa vida dun xeito ameno e accesíbel».

Os versos elixidos están relacionados co noso entorno, centrándose nas vivencias persoais de Rosalía e a súa obra literaria.