Detectan a unha suposta estafadora pedindo diñeiro para unha oenegué nas inmediacións do mercado

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Unha muller loura de mediana idade interceptaba ás persoas que camiñaban polo lugar para pedir o seu apoio para a Asociación de Enfermos e Doantes de órganos para Transplantes (AEDOPAT)

19 feb 2020 . Actualizado ás 13:04 h.

Sucedeu o sábado nas inmediacións do mercado de Vilagarcía. Alí, unha muller loura de mediana idade interceptaba ás persoas que camiñaban polo lugar para pedir o seu apoio para a Asociación de Enfermos e Doantes de órganos para Transplantes (AEDOPAT), unha entidade social que ten a súa sede en Palma de Mallorca. Nada estraño salvo que o apoio, nesta ocasión, non se circunscribía a unha firma ou a dar o correo electrónico para obter máis información. A muller quería diñeiro en efectivo e nada de solto: ou cinco ou dez euros.

E, polo menos nun caso, conseguiu enganar a alguén. A súa vítima relátao do seguinte xeito: «Ía con présa e non pensaba pararme, pero díxome o da asociación de trasplantados e como o meu marido foi trasplantado dei a volta e pareime. Pediume cinco ou dez euros e deille cinco».

Fíxoo sen estar moi convencida e confesa que lle deu «un pálpito» de que algo non funcionaba ben. Así que cando chegou a casa consultou en Internet e viu que a asociación si existía, pero tamén que non aceptaba que os seus colaboradores recibisen diñeiro en efectivo. «Deume rabia», confesa a muller, que di que non pensa denunciar, pero que si fixo correr a alerta a través dos grupos de WhatsApp porque viu cando estaba emprendendo o camiño de volta cara ao seu domicilio que máis persoas se pararon coa suposta estafadora.

E algún caso máis comeza a aparecer posto que outra muller apuntou que é probable que a mesma presenta estivese tamén nas inmediacións do hospital do Salnés facendo tamén das súas.

Non sería raro posto que, curiosamente, hai uns anos dúas mulleres foron sorprendidas en Pontevedra nas inmediacións do ambulatorio Virxe Peregrina por un suceso similar. En concreto, entón conseguiran a estafar a nada menos que once presentas utilizando o cebo da AEDOPAT. Foi unha muller a que avisou a unha patrulla da Policía Local das sospeitas que lle levantaba a actitude das supostas estafadoras. O modus operandi era o mesmo: levaban un carné co nome da asociación pegado no peito e explicaron que comunicaban aos viandantes a importancia da solidariedade e de ser doante. A continuación, ofrecíanlles ser socios e recollían os 5 euros que supuña a cota de alta. En Cangas tamén foron detidas no 2015 polo mesmo motivo e de novo nas inmediacións dun centro de saúde.