O novo edificio municipal de Valga permitirá ampliar o servizo de biblioteca

La Voz VALGA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

«Estamos dando os antepenúltimos pasos para poder ver rematadas as obras deste edificio. Esperamos que durante este ano poidamos terminalo», indicou o alcalde

12 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, Marta Fernández Tapias, visitou onte o Edificio Administrativo de Valga, na compaña do alcalde, José María Bello Maneiro, varios concelleiros e o delegado territorial da Xunta. Xuntos, comprobaron o estado das últimas obras realizadas no inmoble, algunhas delas subvencionadas pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. É o caso da instalación do ascensor, financiado con 28.000 euros, o equipamento do novo Xulgado de Paz, que recibiu dez mil euros, e a dotación dun sistema de calefacción, ventilación e aire acondicionado para dar servizo á planta baixa, actuación para a que o Concello e a Xunta asinaron un convenio por valor de 80.000 euros.

«Estamos dando os antepenúltimos pasos para poder ver rematadas as obras deste edificio. Esperamos que durante este ano poidamos terminalo», indicou o alcalde. Na mesma liña se pronunciou a directora xeral, que tomou nota das actuacións que aínda quedan pendentes para continuar colaborando na súa execución. «O edificio está quedando realmente ben e dende a Consellería seguiremos axudando para conseguir rematalo neste 2020», dixo. «A Xunta sempre está disposta a colaborar cos concellos, sobre todo cos concellos pequenos, que son os que máis o necesitan», engadiu.

O Edificio Administrativo, no que xa está en funcionamento a Radio Municipal, albergará tamén na súa planta baixa o Xulgado de Paz e a Policía Local. A planta alta acollerá a nova e ampliada biblioteca e o baixo cuberta fará a función de arquivo.