O BNG escoita as demandas dos retornados

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Néstor Rego reuniuse en Vilagarcía coas distintas asociacións deste colectivo para analizar a súa situación

02 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O representante do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou onte en Vilagarcía nunha asemblea convocada pola coordinadora de asociacións de emigrantes retornados de Galicia. No encontro, o nacionalista informou o acordo de investidura co PSOE, especialmente o contido do punto número 7, que expón «unha solución a algúns dos problemas que está a padecer este colectivo». En concreto, trátase de introducir elementos correctores en Facenda para evitar que os retornados se vexan dobremente penalizados. Por unha banda, por considerarse que teñen dous pagadores diferentes ao ser abonadas as súas pensións por dous países distintos. A outra, que os limiares de exención son diferentes para os retornados. Con esas dúas cuestións canalizadas, hai aínda outros moitos asuntos que afectan o colectivo, como o feito de que «non se validen automaticamente as certificacións de incapacidade ou enfermidade dous países nos que estas persoas estiveron traballando», un asunto no que o BNG prometeu pórse a traballar de inmediato para intentar corrixir unha situación que os nacionalistas consideran, tamén, completamente inxusta.