Javi Cal: «Moncho díxome 'Javi, estás dentro, goza, gañáchescho'»

AROUSA

PACO RODRÍGUEZ

O vilalongués amálgama ilusión infantil e madurez profesional ao falar da súa estrea na segunda mellor Liga de baloncesto do mundo, tras a NBA

26 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai unha semana Javier Cal Muñiz (5/X/1996) vivía a maior experiencia na súa aínda nova carreira como xogador de baloncesto. A 35 segundos da conclusión do partido do Monbus Obradoiro na cancha do Andorra, o técnico santiagués, Moncho Fernández, facíao debutar na segunda mellor Liga do planeta. Unha ACB que podería seguir catando hoxe, se a intuición do base vilalongués, formado na base do Xuven desde os 13 anos, acerta tras recibir do club ao termo do adestramento do venres dúas entradas para que os seus pais poidan asistir gratis ao Obradoiro-Valencia Básket desta tarde.

-Poucos son os xogadores españois que chegan a debutar na ACB, e moitos menos, os que se forxaron en canteiras de clubs tan modestos como o Xuven Cambados…

-[Ri]. Non sei cantos. Non se se do Xuven, algún máis. A verdade é que me fai ver que teño moita sorte. Era algo difícil de que pasase. Síntome afortunado nese sentido.

-Como lembra o seu debut na segunda mellor liga de baloncesto do planeta?

-Lembro estar no banco coa tensión do partido. As cousas non ían ben. Lembro estar amolado por iso. E de súpeto David Navarro dime ‘Oe, Javi, atento, que igual sales'. Durante o partido non pensaba en se ía saír ou non. Só que lle saísen as cousas ben ao equipo. Nese momento púxenme nervioso. Pensei, ‘Á, se cadra saio á pista'. Era a primeira vez que ía convocado co equipo ACB, e non me podía crer que sairía a pista. Moncho pediu un tempo morto, e díxome ‘Javi, estás dentro'. Explicou o que ía facer nesa xogada, e o que podía facer na seguinte. Cambioume por Pepe -Pozas-. Nese momento pasáronseme os nervios, pensando só en facelo ben. Moncho díxome ‘Esquéceche de como está o marcador. Goza esta experiencia. Merécescho. Gañáchescho” Éncheme de orgullo que me dixese iso. Son unhas palabras das que non me vou esquecer.

-E que lle dixo despois do partido Moncho Fernández?

-Eu queríalle dar as grazas por darme a oportunidade de adestrar con eles, algo que xa debería ter feito antes, pero non atopaba o momento. Díxenlle que me emocionaba que me dixese o que me dixo. Contestoume que estaba ben que me emocionou, que era unha parte importante da vida, que seguise traballando e estudando. Palabras de cariño. Tamén me dixo 'E non esquezas quen che fixo debutar', de broma. Escusaba dicirmo.

-Terá tido que recargar o móbil moito máis da conta esta semana...

-Si. [Riso]. Unha chea de xente, de familiares, de amigos, enviáronme moitísimas mensaxes, felicitándome. Dicíndome que traballara moito estes anos, que mo merecía por todo o que traballara. Acordouse moita xente de min. A verdade é que foi bonito.

-En outubro do 2014 deixou o Xuven Cambados polos seus estudos en Santiago. Como foron estes últimos case 6 anos da súa vida?

-Bo [Riso]. Son moitos anos para resumir. Vin a Santiago, e o Obra B estaba en Autonómica. Era un equipo máis afeccionado. Adestrabas menos. Ao ano seguinte sacamos equipo en Nacional, con xente moi nova, o 90 % júniores; foi un ano complicado, pero empezamos a adestrar máis duro. Despois, outro ano máis en Nacional e subimos a EBA, e cada vez cunha dinámica máis profesional; con máis medios, máis horas, con Oriol Junyent de adestrador, e xa empezou a participar xente da canteira no primeiro equipo, botando unha man na pretemporada sobre todo. E estes dous últimos anos, con Denís -Pombar- como adestrador, e Manu -López- de preparador físico, a verdade é imposible ser máis profesional que eles. Collen os medios que temos e aprovéitanos ao máximo. Se che gusta adestrar, e xente disposta a adestrar contigo todo o intre, é unha marabilla. Preocúpanse moitísimo por nós, tamén de que estudemos. Denís aínda se alegrou máis que eu cando me dixeron que ía adestrar co primeiro equipo. Aínda que soe a tópico, sen eles dous, Denís e Manu, isto non sería posible.

-Fíxose un pequeno oco no grupo de xogadores cos que traballa Moncho Fernández a diario. É de imaxinar que non terá sido doado. Segue vivindo por e para o baloncesto, como cando xogaba en Cambados?

-[Riso]. Bo. Adestro un equipo de minis. Agora, ao estar co primeiro equipo, só podo ir unha vez á semana con eles. Adestro bastantes sesións á semana, mañá e tarde, estudo un ciclo semipresencial en Peleteiro de técnico en deportes especializado en baloncesto. E fóra do que é o baloncesto, estou coas últimas sete materias da carreira de Relacións Laborais. E tamén son o titor da residencia de xogadores do club. Empecei a adestrarme co primeiro equipo o 7 de xaneiro. Son moitas horas estes últimos anos para poder estar ben fisicamente, tácticamente e tecnicamente para estar preparado para axudarlles -aos xogadores do Obradoiro da ACB- a adestrar, que é a función que teño. Prefiro normalizar que debutei na ACB, que volverme tolo. O debut están ben, pero se cal é o meu rol, axudar a que os adestramentos teñan a maior calidade posible.

-Asumido o seu rol presente, vese nalgún momento no róster do Obradoiro como un xogador con percorrido na ACB?

-¡Ufff…! ¡Que pregunta máis difícil! [Riso]. Obviamente, a min encantaríame que iso fose posible. Estou a gozar da experiencia ao máximo, axudándoos en todo o posible. Non penso tanto en onde me vai levar isto, como en gozalo.

«Na fase de ascenso a Prata do Pombal pasoume un pouco o mesmo. Estivo bonito»

-Dicía no 2012, con 16 anos, nunha reportaxe neste xornal, que era vostede máis de NBA que de ACB. Non se se agora, tras ver a cousa desde dentro, segue opinando o mesmo…

-Bo. A ver. Con 16 anos, o típico, tiras polo espectáculo puro e duro, polo que máis se vende . A NBA ten máis alcance mediático. Pero cos anos fun collendo máis gusto pola táctica, e co tempo vou valorando máis o baloncesto europeo que o americano. Cando cheguei ao Obradoiro, con 18, metinme máis a lume de biqueira coa ACB. Ves as cousas doutro xeito que con 16.

—Volvendo a aqueles 16, entón mirábase nos espellos de Steve Nash e John Stockton…

—Si. Eu sempre vin moita NBA co meu pai. Gravabamos os partidos e mirabámolos despois. Sempre me gustaron os bases intelixentes, que pasan o balón. Agora na NBA poucos quedan dese tipo. Está Ricki.

—Europeo...

—Europeo, si.

-Aínda garda a estatística plastificada do seu debut co primeiro equipo do Xuven?

-Teño un póster que se sacou do Xuven. Saio eu con todos os compañeiros, téñoo en casa da miña avoa. Gardo moitos bos recordos daquela época.

-E xa ha plastificado a estatística do seu debut co primeiro equipo do Obradoiro?

-Aínda non a hei plastificado. Si gardo algunha captura de pantalla que me mandaron. Teño pensado imprimir algunha cousa que recibín, e gardala en papel.

-Que lugar ocupa no seu perfil de xogador a súa etapa no Xuven?

-É unha parte bastante importante. Cando era cadete e cando era júnior, ademais de facer moitos amigos, tocábame asumir un pouquiño máis de responsabilidade que cando xogaba en Porriño, e iso veume moi ben. E despois, tocoume adestrarme co primeiro equipo, primeiro en EBA e despois en Prata, e aprendín moitísimo. De Alberto -Rodríguez-, Chufi, o meu adestrador no júnior, aprendín moitísimo, e con Yago -Casal-, unha chea de detalles en defensa, que aínda me son moi últiles o día de hoxe. 

-Con 16 anos foi vostede o xogador número doce do histórico ascenso cambadés a LEB Prata...

-Si [Riso]. Un ano inesquecible. Era un persoal incrible. A fase de ascenso foi en casa. Era incrible a xente que había no pavillón. Pasoume un pouco como agora. Déronme uns segundos ao final do último partido como premio. Estivera toda a tempada axudando ao equipo, e o adestrador díxome ‘Veña, para dentro'. Estaban os meus amigos por alí, pedindo desde a bancada que me sacasen, berrando o meu nome. Se non recordo mal, cambiáronme por Emilio Oubiña, que tamén era canteirán. Estivo bonito.

-Non se que lle produce ver ao seu ex equipo afundido hoxe no último posto de Primeira Autonómica?

-Teño coñecidos e colegas que están a xogar no Xuven. Por unha banda, están a intentar que o club volva para arriba. Por outra, dá como pena, rabia, polo que había alí, e que estea nesta situación. Pero no Xuven están a traballar ben, con bastantes nenos, un equipo feminino. Aos poucos estanse reconstruíndo.