A Semana Santa de Paradela quere ser de Interese Turístico Nacional

AROUSA

CEDIDA

A festa, presentada onte en Fitur, ofrecerá este ano algúns cambios na súa formulación

27 ene 2020 . Actualizado ás 19:44 h.

Desde hai dous anos, o Concello de Meis encárgase da organización dos actos da Semana Santa de Paradela. E é que, máis aló do seu interese relixioso, esta cita ten tamén un compoñente cultural que a converteu nun polo de atracción turística. De aí, que teña sido declarada xa «de Interese Turístico Autonómico». Agora, o Concello gobernado pola socialista Marta Giráldez quere dar un paso máis, e a primeira edila anunciou onte que se está traballando para que sexa de Interese Turístico Nacional.

Así o anunciou Giráldez en Fitur, no marco dun acto organizado pola Xunta para dar a coñecer as celebracións de Semana Santa máis interesantes de Galicia. Aos asistentes ao acto, asegura a alcaldesa, «gustoulles a nosa proposta». E é que este ano, a celebración chegará cargada de novidades. Sinalou a rexedora que, nese empeño por darlle un novo impulso aos actos de Paradela, decidiuse renovar o vestiario dos veciños que toman parte nas representacións dos últimos días de Jesús e da súa crucifixión, que este ano se ampliarán a un día máis. Tamén se mellorarán os equipos de son.

Pero uno dos cambios máis prometedores é o relacionado coa narrativa, que fará a partir de agora máis fincapé «nos valores que representou Xesús». E explica a alcaldesa que «son valores de igualdade entre homes e mulleres, igualdade e non discriminación por razón de clase ou de sexo».

Os traballos de preparación da festa xa están en marcha. Os actores, ensaiando. A segunda semana de abril, todo estará listo para levantar o pano.