Ravella apraza unha semana o pleno de xaneiro para incluír nel os orzamentos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A intención do goberno local é presentar o documento á oposición na xunta de portavoces da próxima semana

23 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O pleno ordinario do mes de xaneiro, que debería celebrarse o vindeiro xoves, foi aprazado unha semana para que poida ser incluído na orde do día o debate dos orzamentos municipais do 2020. «O proxecto elaborado polo goberno local está rematado, pero precísase duns días máis para que os servizos técnicos o revisen e engadan os preceptivos informes, e para dar tempo a convocar a última reunión cos grupos da oposición», apuntan desde Ravella.

A intención do goberno municipal é convocar a xunta de portavoces a semana que vén e será nesa reunión cando o equipo de Alberto Varela presentará as liñas principais dos orzamentos e os informes correspondentes.

Moción do PP

Doutra banda, o Partido Popular presentará unha moción para debate a pleno na que se pedirá a aprobación par instar ao Consello Regulador de Rías Baixas a que incremente as cotas máximas de uva albariño, ata 15.000 quilogramos por hectárea, en base ás estimacións das colleitas dunha, os stocks das adegas e a calidade da uva en cada tempada e tamén que se notifique ao presidente do Consello Regulador o acordo plenario.