«Moita xente cre que as plataformas de emigrantes retornados morremos. E non»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Activista social en Suíza, militante político de volta a Galicia, Xosé Leirós pelexa contra o que cualifica de roubo fiscal

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

«A miña idea sempre fora volver con 50 anos a casa, e, podendo ser, non volver traballar». O plan de xubilación de Xosé Lois Leirós Gude (Vilagarcía, 1944) acabou seguindo unha senda ben diferente á trazada sobre o papel. Non no tocante ao retorno á súa terra, poñendo en 1994 punto final a 25 anos de traballos en Suíza xunto á súa muller. Tras unha ilusionante experiencia empresarial de seis anos, o Hotel-Balneario de Paco Feixó na praia Compostela, cun longo e esgotador epílogo xudicial que o levou ao bordo da ruína, e que se decantou ao seu favor contra o afamado cociñeiro, Leirós recibiu no 2013 outro golpe do destino, afectado por unha de tantas medidas controvertidas do Rasputín fiscal de Mariano Rajoy, o ministro de Facenda Cristóbal Montoro. A reclamación aos emigrantes retornados da tributación das pensións que perciben dos Estados nos que traballaran, nun cambio radical da normativa; e con carácter retroactivo, desde o 2008. Unha medida que Xosé sitúa no mesmo marco ideolóxico co da lei de amnistía fiscal de Montoro e do multimillonario rescate á banca, cuns, di, 250.000 galegos damnificados: «O 95 %, coma min, mileuristas, aos que lles están a quitar de media unha paga mensual ao ano». Con 69 anos, Leirós púxose á fronte da Plataforma de Emigrantes Retornados do Salnés, que hoxe compaxina coa portavocía da Coordinadora Nacional -galega-. Case sete anos van xa de loita pola marcha atrás e a devolución do recadado, con ducias de sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avalando a cruzada.

«Circunstancias da vida» impedíranlle a Leirós rematar o bacharelato. Con algúns estudos de contabilidade, de mecanografía e de francés, logo de facer a mili, con 21, marchou cun compañeiro de Vilagarcía traballar a Inglaterra, relata o vilagarcián. «Non falaba inglés, pero son atrevido. En Galicia había moita necesidade, e soldos de miseria».

A inminencia do nacemento da súa primeira filla levouno a volver cando inda non levaba un ano nun hotel de Manchester. Entrou de dependente e de repartidor nunha droguería de Vilagarcía. «Pero entereime de que en Suíza había traballo, moi ben pagado, e con todos os dereitos», e dous anos despois Leirós colleu de novo a maleta, desta volta coa súa muller, destino Zurich. Vendo as súas dúas fillas só con frecuencia, con ambas, conta, decidindo quedar acó cos seus avós. Unha razón máis para declarar que «a emigración galega foi dramática, moi dramática».

Durante un tempo, recorda, non lle importaba nada que non fose «o traballo -desde transportista, empregado de correos e de hostalaría, ata chofer de directivos de empresas-, a miña familia e xogar ao fútbol -fíxoo no Arousa xuvenil antes de emigrar-. Ata que empecei a coñecer galegos metidos no tema sindical e político, nacionalistas». Participou na fundación do Centro Galego de Zürich, do que foi secretario, e da Federación de Sociedades Galegas en Suíza. O primeiro, un motor sociocultural polo que pasaron persoeiros da esquerda política galega e escritores como Novoneyra ou Neira Vilas; pero tamén de iniciativas como o Celta de Zürich, no que xogou o propio Xosé.

De volta en Galicia, Leirós ocupou diferentes responsabilidades no BNG, cuxa sección suíza cofundara, desde edil a figurar nunha lista ao Europarlamento. En paralelo, no 2001 montaba en Santiago a asociación de emigrantes retornados Marusía con outros repatriados de Suíza, que preside desde o ano pasado. Entre os seus obxectivos, «a axuda a calquera loita da emigración galega retornada». De aí que cando no 2013 Montoro viu no colectivo unha bolsa de extracción fiscal, desde Marusía impulsaron plataformas de afectados por toda Galicia.

Desde entón centos de emigrantes retornados concéntranse un día ao mes nas delegacións comarcais de Facenda e fan manifestacións periódicas, ademais de pedirlles ás forzas políticas «tan só o mesmo trato fiscal cos pensionistas españois que non cotizaron no estranxeiro». «Moita xente cre que morremos. Non, estamos en pleno apoxeo», advirte Leirós. Tras concederlle unha tregua ao Goberno central por estar en funcións, a coordinadora volve á carga: «O novo Goberno está en débeda connosco». Toca cobrarlles as fotos aos de «Que razón tedes» e «Si se pode».

«Con 21 anos, ao rematar a mili, fun traballar a un hotel en Manchester, sen falar inglés».

«Unha que fixen a Beijing, a capital de China, na segunda metade dos anos 90, coa intención de abrir un hotel-restaurante. Ao final non saíu, porque os chineses esixen o 51 % das accións dos negocios. Aquilo é outro mundo. Dáche voltas a mente».