Catro funcións para toda a familia

B. c.

AROUSA

MARTINA MISER

O ciclo arrinca o vindeiro domingo, coma sempre, en horario de tarde no auditorio da Xuventude

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Á volta do Nadal, volve o teatro infantil a Cambados. Coma sempre, as funcións serán os domingos, ás seis da tarde no auditorio municipal da Xuventude, e o prezo é de 3,50 euros e de 2,50 euros en tarifa reducida para menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e parados. O programa conta con catro funcións en cartel e é froito da colaboración do Concello coa Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A primeira función será o día 26 coa obra «A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza», de A Xanela do Maxín. A compañía presenta unha obra que provoca gargalladas e fai que os espectadores empaten coa toupiña, ferida no seu orgullo. «Nenos e maiores terán a visión dun tema tan natural como a vida mesma e que, sen embargo, non sempre aparece en escena», segundo recolle a sinopse. O seguinte domingo, 2 de febreiro, será a quenda de «Mai mai», de Baobab Teatro, que presenta a historia do último oso panda do planeta e a súa loita por sobrevivir; unha historia tenra e moi divertida onde se mestura o amor, a cobiza, o éxito e a concienciación medioambiental e aborda o empoderamento da muller.

O 9 de febreiro entrará en escena a compañía Tanxarina, coa obra «A galiña azul», un espectáculo que mestura monicreques e actores, baseado no conto homónimo de Carlos Casares, que quere actuar como arma contra a inxustiza e pola defensa da diversidade. E xa para rematar, o 16 pechará o ciclo «A nena e o grilo máis aló», da compañía Magín Blanco; unha nena e un grilo esmagan sen querer á súa amiga Xertrude a araña e buscando un xeito de devolverlle a vida atópanse cuns artistas ambulantes que os guiarán a través da maxia e da música ao país dos mortos onde tentarán atopar a Xertrude para traela de volta.

«Con este ciclo buscase explorar as posibilidades do teatro non só como goce e diversión, senón tamén como ferramenta de concienciación social e como parte importante na formación integral das persoas», indica o concelleiro de Cultura, Tino Cordal.