Unha cadela que se escapou dá a luz a seis cachorros en Protección Civil

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O seu propietario puido recoller a Linda e á súa camada no refuxio que xestiona a protectora de animais de Vilagarcía

18 ene 2020 . Actualizado ás 21:09 h.

Chámase Linda e, nalgún momento do mércores pasado, escapouse do seu domicilio. A cadela, na última fase dun embarazo, foi atopada o xoves ás portas dun establecemento comercial de Vilagarcía, onde permanecera varias horas. Pouco despois, o servizo de Emerxencias e Protección Civil de Vilagarcía recollíaa e trasladábaa á súa sede, na avenida Agustín Romero . Foi alí onde deu a luz a seis cachorros. Os operarios acondicionaron unha zona na súa base con calor e material limpo, e acompañaron a Linda nun parto sen complicacións. A camada foi trasladada hoxe ao refuxio de animais de Piñeiral do Rei, que xestiona a protectora de animais, onde o seu propietario puido recollela ao completo.