Unha nova despedida triunfal do belén artesanal de Valga

La Voz VALGA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A composición navideña feita polos veciños de Campaña conseguiu atraer a milleiros de persoas

14 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Valga vén de despedir o Nadal. Oficialmente. O seu belén artesanal en movemento pechou o pasado domingo unha nova edición. Non unha calquera: foi o ano de maior éxito, no que se superaron -e xa ten mérito- todos os rexistros de visitantes.

Un exemplo da gran acollida que a montaxe tivo entre o público viviuse este mesmo domingo. Tradicionalmente a de clausura non adoita ser unha xornada de moitas visitas. Sen embargo, nesta ocasión foron arredor de dúas mil as persoas que pasaron por Campaña para dar a súa particular despedida ao Nadal. Así que, en plena costa de xaneiro, volveron a rexistrarse colas ás portas do nacemento e recibíronse un total de oito excursións, dúas pola mañá e seis máis pola tarde. Algunhas das procedencias destes últimos autobuses da edición foron Vila de Cruces, Gondomar, Ponferrada, Ferrol ou A Coruña.

Os 46.000 visitantes que se contabilizaran o ano pasado foron superados de largo nesta edición, unha tendencia á alza que xa se percibiu dende os primeiros días de apertura, a comezos de decembro. Na primeira semana, coindicindo coa ponte da Constitución, máis de once mil persoas xa pasaran polo Belén Artesanal. E na segunda fin de semana o nacemento bateu os seus propios rexistros ao recibir a trinta e seis excursións en dous días. As aglomeracións e ringleiras de visitantes mantivéronse durante o resto das datas de Nadal, especialmente nas fins de semana e nas xornadas festivas, que foron aproveitadas por milleiros de persoas para acudir a ver a montaxe realizada pola asociación Amigos do Belén. Entre semana tamén se advertiu un notable aumento das visitas, sobre todo durante as vacacións escolares. E a isto hai que engadir as ducias de centros educativos, centros de día e asociacións de toda Galicia que concertaron cita para acudir a ver o Belén fóra do seu horario habitual de apertura.

Novas oportunidades

Se vostede non tivo ocasión de acudir a vistiar o belén artesanal que tantas alegrías lle está a dar a Valga, non desespere. Ata o mes de setembro o nacemento, declarado de Interese Turístico de Galicia, aínda pode ser visitado por grupos organizados, que deben chamar ao número de teléfono 630 95 25 15 para fixar unha data.