CAAN busca fogar para os 350 cans que aínda residen nas súas instalacións

ana barcala PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

cedida

Os cachorros abandonados nun colector en Vilanova están recuperados e listos para a adopción

11 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Terra, Sabela, Ares e Ceo, os catro cachorros que a principios de decembro foron guindados a un colector en Vilanova, buscan un fogar. Durante máis dun mes recibiron o cariño e os coidados do persoal de CAAN e atópanse xa en excelentes condicións e con gran vitalidade, preparados para ser adoptados. Así o confirmaba onte o veterinario xefe de CAAN, José Luis Pedreira e o xefe de servizo deste departamento provincial, José Luis Pedreira.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou onte os datos de adopción do pasado ano e unha nova campaña de sensibilización coas mascotas, xunto aos catro cachorros que sobreviviron grazas á implicación do persoal técnico do Centro de Acollida.

«É para estar contentos e é unha boa forma de comezar ou ano, dicindo que están fóra de perigo. Agora agardamos que pronto vos adopten, que seguro que vai ser así”. E fixo de novo un chamamento para conseguir a adopción de Apro, que tras a marcha de Bertín, é agora o avó de CAAN, onde leva xa cinco anos.

CAAN xestionou, de forma totalmente gratuíta e con asesoramento específico ás familias que optaron por acoller un can das súas instalacións, un total de 466 adopcións durante 2019, o que supuxo ao redor de 100 máis que durante o ano anterior. O centro de acollida bate así a súa propia marca anual, que estaba nas 430 do 2016.

Pontevedra foi a provincia na que quedaron a maior parte dos animais que saíron de CAAN, aínda que algúns viaxaron tamén a Portugal e a outros puntos de España. E Sanxenxo, Pontevedra e Meis os municipios con maior número de cans adoptados, con 35, 32 e 30 respectivamente. O número de animais recolleitos polo persoal de CAAN foi de 1.290, unha cifra moi inferior aos 1.788 de 2018. Deles, 343 foron devoltos aos seus donos; 284 foron recollidos polos seus propietarios nas instalacións provinciais e 466 atoparon un fogar.

A presidenta tamén fixo un balance da campaña «Esterilizar, adoptar», que en decembro lanzou a Deputación para promover as adopcións e a esterilización e destacou a gran resposta que está a ter, xa que desde o 27 de novembro formalizáronse 48 adopcións, máis dunha por día. Lembrou que os materiais desta iniciativa xa están distribuídos, en particular máis de 9.000 carteis e máis de 13.000 folletos en todos os concellos da provincia, así como nos centros de Primaria, Secundaria, nos centros universitarios e nas escolas de veterinaria galegas.

Abrace un can

Carmela Silva anunciou tamén «Abrace un can», un paso máis para promover as adopcións e facer visibilizar aos animais que están no centro, que son 350 neste momento. Para logralo primeiro serán os deputados provinciais os que se despracen ata as instalacións de CAAN para abrazar a un can, momentos que subirán ás redes para deixar patente as emocións e o afecto cos animais. Con posterioridade, cando conclúan as obras de reforma no centro de acollida, serán os escolares da provincia quen se acheguen aos animais.